Incerteza ante a prohibición de vender coches de combustión a partir de 2035
Incerteza ante a prohibición de vender coches de combustión a partir de 2035
O acordo alcanzado na Unión Europea non establece impedir a circulación deste tipo de vehículos
A trece anos vista, a eliminación dos combustibles fósiles semella complexa e desconcertante para os consumidores.
"Na zona onde eu vivo, se vexo un posto de recarga cada dúas semanas xa é moito", comenta un mozo mentres reposta gasolina en Ourense.
"E que facemos con todos os vehículos que temos?", pregunta unha muller na mesma estación de servizo.
O acordo alcanzado polos negociadores do Consello Europeo, Comisión e Eurocámara non establece prohibir a circulación pero si a venda de vehículos novos con motores de combustión.
"As alternativas que aparecen no mercado aínda non son óptimas: non hai puntos de carga suficientes para os coches eléctricos, o mantemento das baterías creo que vai ser caro...", asegura un moteiro.
O calendario europeo establece dúas datas de referencia na loita contra as emisións de CO2: unha redución do 55 % no 2030 para chegar a 0 no 2050.
"A min o que me importa máis é que me sexa bo calidade-prezo, canto menos consuma mellor, e que non xere polución".
"Eu penso que aínda contaminan máis os barcos e os avións, pero a min paréceme ben, claro", coinciden dous condutores.
Tamén hai debate, no seo do Consello Europeo, sobre o impacto da medida no potente mercado da automoción, polo que se prevé unha revisión no ano 2026.