Convivir coa COVID persistente
Convivir coa COVID persistente
Estímase que ao redor do 10 por cento dos contaxiados padecen esta síndrome para a que non hai tratamento
A vacinación conseguiu mudar a nosa relación coa covid. Atrás quedan os hospitais colapsados ou a máscara obrigatoria, pero tres anos e medio despois de que este virus irrompese nas nosas vidas hai persoas que aínda seguen arrastrando os síntomas da enfermidade. É o que coñecemos como COVID persistente, unha síndrome, difícil de diagnosticar que afecta ao redor do 10 por cento dos contaxiados.
Judith Alonso, unha auxiliar de enfermería de Ourense, é un dos casos. Infectouse en 2020, na primeira vaga. A día de hoxe segue a padecer fatiga, dores musculares, cefaleas, perda de forza... Coma ela, máis dun milleiro de persoas pasaron pola Unidade postcovid do Complexo Hospitalario de Ourense dende que se creou. Neste intre, continúan en seguimento unhas duascentas. Nela, médicos de disintas especialidades traballan cos doentes para paliar os síntomas.
Por agora aínda non hai un tratamento específico para esta síndrome, que afecta especialmente ás mulleres novas, de 30 a 50 anos, que antes de contaxiarse estaban sas.
Ourense acolleu este mércores unha charla informativa sobre a COVID persistente organizada pola Sociedade Galega de Medicina Interna.