Corea do Norte lanza catro mísiles de curto alcance ao Mar Amarelo
Corea do Norte lanza catro mísiles de curto alcance ao Mar Amarelo
Coincide co maior exercicio combinado de Seúl e Washington dende 2017
Corea do Norte lanzou este sábado catro mísiles balísticos de curto alcance ao Mar Amarelo (chamado mar do Oeste nas dúas Coreas). O exército surcoreano considérao unha provocación xa que coincide cun exercicio aéreo combinado a grande escala de Seúl e Washington.
Os foguetes voaron uns 130 quilómetros dende o condado de Tongrim, ao noroeste do país, a unha velocidade máxima de Mach 5 (cinco veces a velocidade do son). Corea do Norte lanzou entre o mércores e o xoves ao redor de 30 proxectís.
Un deles, un mísil balístico de longo alcance (ICBM), aparentemente fallou en pleno voo cando se dispoñía a sobrevoar o Xapón. Outro, de curto alcance, aterrou moi preto das augas territoriais surcoreanas, algo que nunca sucedera.
A reacción de Pionyang prodúcese despois de que Corea do Sur e os Estados Unidos decidiran estender ata este sábado uns exercicios combinados, chamados Vigilant storm, nos que participaron unhas 240 aeronaves.
O maior dende 2017
É o maior exercicio combinado en cinco anos e inclúe a mobilización de cazas F-15, F-16, EA-18G (a versión do cazabombardeiro F-18 adaptada para escenarios de guerra electrónica), F-35A e F-35B, que a diferenza do F-35A pode realizar engalaxes en curto e engalaxes e aterraxes en vertical.
A tensión na península está a alcanzar cotas inéditas ante as repetidas probas de armas norcoreanas, as manobras dos aliados e a posibilidade de que, tal e como indican os satélites, o réxime de Kim Jong-un xa estea listo para realizar a súa primeira proba nuclear desde 2017.