Corea do Norte lanza un mísil "non identificado" ao mar do Xapón
Corea do Norte lanza un mísil "non identificado" ao mar do Xapón
O goberno nipón informou de que o proxectil "aparenta ser un mísil balístico"
Con esta proba son xa 12, unha cifra récord, os tests deste tipo realizados no que vai de ano por Pyongyang
Corea do Norte lanzou hoxe un "proxectil non identificado" ao mar do Xapón (chamado mar do Leste nas dúas Coreas), segundo informou o Estado Maior Conxunto (JCS) surcoreano.
O breve comunicado do JCS enviado aos xornalistas limítase a explicar que "Corea do Norte disparou un proxectil non identificado ao mar do Leste", mentres que o Goberno nipón informou de que o proxectil "aparenta ser un mísil balístico".
Con esta proba son xa 12, unha cifra récord, os tests deste tipo realizados no que vai de ano por Pyongyang, que, segundo Washington e Seúl, está a probar nos seus últimos ensaios tecnoloxía dun novo mísil balístico intercontinental (ICBM) chamado Hwasong-17, que goza potencialmente de maior rango e poder destrutivo.
Seúl cre que Pyongyang lanzou un mísil intercontinental
O exército surcoreano cre que o proxectil que lanzou este xoves Corea do Norte ao mar do Xapón é un mísil balístico, o cal supón o primeiro ensaio deste tipo desde novembro de 2017 e subliña a vontade de Pyongyang de desenvolver novo armamento deste tipo.
Aínda que fontes militares polo de agora non o confirmaron, a axencia Yonhap, citando o Estado Maior Conxunto, informou que o proxectil foi lanzado empregando un ángulo moi aberto a augas do mar do Leste.
O Ministerio de Defensa nipón alertou de que o proxectil puido caer en aguas dentro da zona económica especial xaponesa próximas á costa da prefectura de Aomori cara ás 15:35 horas local (6:35 GMT) e pediu aos navegantes que extremen as precaucións.
O presidente surcoreano Moon Jae-in convocou unha reunión de emerxencia do Consello de Seguridade Nacional para analizar o lanzamento, segundo informou a portavoz presidencial Park Kyung-mi.