Publicador de contidos
Publicador de contidos

Corea do Sur declara o loito nacional pola avalancha con 151 vítimas mortais

Corea do Sur declara o loito nacional pola avalancha con 151 vítimas mortais

O presidente do país promete unha "investigación en profundidade" para esclarecer as causas

Segundo algunhas testemuñas, puido producirse unha caída colectiva que provocou unha avalancha en cadea

O presidente do país no lugar dos feitos O presidente do país no lugar dos feitos
G24.gal 30/10/2022 08:19 Última actualización 30/10/2022 16:25

O presidente de Corea do Sur, Yoon Suk-yeol, anunciou o comezo dun período de loito nacional por mor da traxedia ocorrida na noite do Halloween en Seúl que deixou polo menos 151 persoas mortas e 82 feridas.

Segundo dixo nun discurso á nación retransmitido dende a oficina presidencial, o Goberno "designa desde este domingo ata que o accidente estea baixo control como período de loito nacional", e declara "como máxima prioridade" as tarefas relacionadas co suceso.

O mandatario destacou que "o máis importante" nestes momentos é "determinar as causas do accidente e previr incidentes similares", durante a súa alocución horas despois da desbandada ocorrida na véspera no barrio de lecer de Itaewon.

"Investigaremos en profundidade as causas do accidente para facer melloras fundamentais, de modo que non volvan ocorrer incidentes similares no futuro", dixo Yoon.

O presidente trasladou as súas condolencias ás familias das vítimas do suceso, que cualificou de "horrible". Salientou ademais que se trata dunha traxedia e dun desastre "que nunca debeu ocorrer".

Avalancha en cadea

Polo menos 151 persoas morreron e outras 82 resultaron feridas por mor da avalancha, que tivo lugar ao redor da 22:22 hora local do sábado nas proximidades do hotel Hamilton, fronte á estación de metro de Itaewon.

A policía tenta identificar entre as vítimas unhas 350 persoas notificadas como desaparecidas ás autoridades locais. Crese que o suceso tivo lugar nun canellón en pendente, duns catro metros de ancho e contiguo ao mencionado hotel.

Segundo testemuñas citadas por medios surcoreanos, produciuse unha caída colectiva no alto da pendente, o que provocou unha avalancha en cadea. Polo momento, descoñécese o motivo polo que se orixinou o incidente.

Cada ano o barrio de Itaewon, lindeiro cunha base militar estadounidense e coñecida zona de lecer nocturno, convértese no punto máis concorrido para celebrar o Halloween en Seúl. Segundo medios locais, nas súas rúas congregáronse nesta ocasión milleiros de persoas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade