Publicador de contidos
Publicador de contidos

Corgos: "A prioridade deste Goberno é o reforzo continuo do gasto social"

Corgos: "A prioridade deste Goberno é o reforzo continuo do gasto social"

O conselleiro de Facenda entregoulle ao presidente do Parlamento de Galicia o Proxecto de orzamentos da Xunta para 2025

A Xunta ve un "reforzo substancial" de beneficios fiscais ao deixar de ingresar 751 millóns  de euros

Ana Pontón considera que son "antisociais" e Gómez Besteiro cualifícaos de "profundamente decepcionantes"

O presidente do Parlamento co conselleiro de Facenda este sábado
G24.gal 19/10/2024 11:30 Última actualización 19/10/2024 17:46

O conselleiro de Facenda e a Administración Pública entregoulle este sábado ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, o Proxecto de orzamentos da Xunta para o ano que vén e a Lei de medidas fiscais e administrativas, aprobados polo Consello esta semana.

As contas públicas para 2025 sitúanse nos 13.954 millóns de euros. Segundo reiterou Miguel Corgos nunha conferencia de prensa este sábado, contemplan as cifras más altas da historia da comunidade porque esgotan o teito de gasto. 

"Unhas contas con mais recursos ca nunca, 13.954 millóns de euros, que nos permiten investir máis para as persoas, impulsando a vivenda, a gran prioridade da lexislatura, reforzando e modernizando os servizos públicos, en especial a sanidade, a educación e a política social, financiar o primeiro curso de ensino público gratuíto desde a gardería á Universidade".

Asegurou que a prioridade do Goberno galego é "o reforzo continuo e permanente do gasto social" que, por primeira vez, vai superar os 10.000 millóns de euros: 5.457 para sanidade, 3.041 para educación, 1.415 para políticas sociais e 446 para emprego e vivenda.

"Tres de cada catro euros van destinados ás consellerías de Sanidade, Educación, Política Social e Emprego".

Sanidade

No eido sanitario, cun 4,9 % de suba, mencionou medidas como o Centro de Protonterapia, novos cribados para mellorar a prevención, "o mellor calendario de vacinación" ou o Plan de Infraestruturas Sanitarias, coa finalización do hospital de Montecelo e o de Ferrol.

En canto a Educación, o gasto medra un 4,2% para iniciativas como o primeiro curso con matrícula universitaria de balde, a diminución do cociente de alumnado por aula ou o financiamento ás universidades.

Mentres, Política Social incrementa un 8,3 % o seu orzamento. Neste caso, Corgos puxo en valor o reforzo da asistencia en centros residenciais e na contorna familiar ou o impulso da escolarización no primeiro ciclo de educación infantil.

Vivenda e Infraestruturas

Despois desas partidas, o conselleiro de Facenda salientou o incremento en Vivenda e Infraestruturas, que aumenta en 37,5 millóns o seu orzamento para 2025 ata os 513.

"A gran prioridade desta lexislatura, a política de vivenda, recibe un gran pulo orzamentario", indicou.

Apuntou que se "triplica" o orzamento para solo residencial e construción de vivendas e falou dun programa de axudas para construción de vivendas en alugueiro, rehabilitación de edificios para vivenda pública, desenvolvemento de solo residencial e gastos asociados para a mocidade.

A consellería que máis sobe

O departamento de Medio Ambiente e Cambio Climático contará coa maior suba porcentual, do 10,3 % , ao recibir 186,6 millóns (17,4 máis) e as contas de Emprego permanecerán conxeladas ao "volver a unha taxa financeira normal" por executar fondos europeos.

Na parte baixa sitúanse Medio Rural, Mar e Presidencia cunha alza do 3,3, 2,8 e 2,1% respectivamente. Tamén Facenda, cunha suba do 0,8 %.

Ademais, a Consellería de Economía e Industria suma 25,8 millóns de euros máis ca en 2024 (+7,4 %), polo que supera os 374 millóns. Así mesmo, Cultura, Lingua e Xuventude contará para o próximo ano con 146,6 millóns, un 7,5 % máis.

Por territorios

Doutra banda, o titular de Facenda debullou as contas por territorios e subliñou que buscan "contribuír ao equilibrio territorial".

As provincias con maior gasto por habitante serán as de Lugo (5.840 euros) e Ourense (5.742 euros), por riba da Coruña, que recibirá 4.449 euros per cápita e Pontevedra, 4.318.

En cifras absolutas, as provincias que reciben maior volume de gasto son A Coruña e Pontevedra, con 4.999 millóns de euros e 4.077, respectivamente, mentres que a provincia de Lugo recibirá 1.892 millóns, e a de Ourense, 1.749.

Beneficio fiscal

O conselleiro salientou que a Xunta "prefire deixar de ingresar" o vindeiro ano unha contía de 751 millóns de euros por medidas de beneficio fiscal ao contribuínte, o que supón un incremento do 9,5 % respecto da cifra do ano en vigor (65 millóns máis).  

"Practicamente o 90 %, en concreto o 87,3 %, son de carácter social".

Neste sentido, Corgos falou dun reforzo "substancial" do importe dos beneficios fiscais, xa que en 2024 este dato situábase nos 686 millóns, e eran 472 no 2021.

Ratio de débeda

Tamén explicou que a razón de débeda de Galicia é nitidamente inferior á media estatal e rexeita a condonación.

"Aceptar unha condonación da débeda, tal como está formulada para Cataluña, non é prioritario para a nosa comunidade autónoma. O que é prioritario é a reforma do sistema de financiamento. Nin sería vantaxoso, porque non suporía unha maior capacidade de gasto, nin suporía un menor endebedamento".

"Antisociais"

A voceira do BNG, Ana Pontón, di que é politicamente impresentable que se faga propaganda coas contas públicas sen discutilas antes no Parlamento, o que supón un desprezo do PP e da Xunta á cámara.

Asegura que son antisociais, papel mollado e que só se van executar de xeito parcial.

Ana Pontón, voceira nacional do BNG

"Decepcionantes"

O secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, cualifica de "profundamente decepcionantes" as contas públicas da Xunta para 2025.

Critica a forma e fondo da presentación das contas públicas que di non son as que Galicia precisa nestes momentos. Considéraas decepcionantes con déficits nos servizos e non van servir para o crecemento de Galicia.

Xosé Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG-PSOE

Pola súa banda, o voceiro do PPdeG, Alberto Pazos, asegurou que as contas da Xunta, como as de calquera familia, buscan non gastar máis do que se ten e atender sobre todo as necesidades prioritarias.

Calendario

O Parlamento de Galicia prevé para o vindeiro 17 de decembro o pleno de aprobación dos orzamentos, unhas contas que os conselleiros comezarán a defender en comisión o vindeiro xoves 24 de outubro.

Xusto despois do pleno ordinario que acollerá o Pazo do Hórreo os días 22 e 23, martes e mércores da semana que vén, darán comezo as comparecencias de cada departamento na comisión de economía, que seguirán ata o luns 4 de novembro.

Despois doutro pleno ordinario, o do 5 e 6 de novembro, está previsto que termine o prazo de presentación das emendas á totalidade, que serán publicadas o martes 12.

Debate orzamentario

Ese mesmo día, a xunta de portavoces fixará a orde do día do pleno para o debate orzamentario de totalidade do 18 de novembro. Para o 25, luns, está fixada a designación do relatorio, e para o 26 e 27 o informe de relatorio, que será publicado o mércores 4 de decembro.

Xoves 5, luns 9 e martes 10 son as datas establecidas para o ditame da comisión, que pola súa banda se publicará o 11. O día despois, 12, é o tope para mantemento das emendas e formulación de votos particulares, antes de que o martes 17 se produza o debate definitivo das contas públicas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade