Corgos: "Non imos apoiar unha condonación de débeda que non favorece os intereses dos galegos"
Corgos: "Non imos apoiar unha condonación de débeda que non favorece os intereses dos galegos"
O conselleiro de Facenda salienta que os orzamentos presentados pola Xunta "reforzarán os servizos públicos e dinamizarán a economía en 2025"
Miguel Corgos confía en que as medidas presentadas axuden os mozos a emancipárense e que "a primeira vivenda non sexa un problema para eles"
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, debullou no Bos días da TVG o proxecto de presupostos aprobado pola Xunta que entrará no Parlamento en decembro. Corgos asegura que estamos ante os "orzamentos máis altos da historia", serán 13.954 millóns de euros, "case o 19 % do PIB de Galicia", que "debe contribuír a reforzar os servizos públicos e dinamizar a economía o vindeiro ano".
O responsable de Facenda do goberno galego salientou que por primeira vez "máis de 10.000 millóns de euros dedicaranse ao gasto social", partidas coas que se pretende reforzar a sanidade pública, a educación e as políticas sociais e de emprego.
"O 40 % das vivendas públicas para alugueiro e o 20 % das que se poñan en venda serán para os mozos"
Corgos puxo o acento nas partidas destinadas á adquisición de solo para a construción de vivenda pública, que "triplican" as do ano pasado. Con elas preténdense ter "ata oito mil inmobles de protección pública". Segundo explicou no Bos días, "o 40% das vivendas públicas dedicadas ao alugueiro serán para os mozos e tamén o 20 % da vivendas públicas reservadas á venda serán para eles".
O conselleiro rexeita a posiblidade de que o Goberno galego aprobe de oficio a declaración de zonas tensionadas, pero asegura que "os concellos que queiran facelo poderán solicitalo e terán autorización por parte da Xunta". Cre que sancionar as comunidades que non o fagan "non vai solucionar o problema da vivenda en Galicia".
O titular de facenda do goberno galego salienta que Galicia ten unhas "finanzas sólidas" que permitirán dedicar 750 millóns de euros a rebaixas fiscais. Segundo indicou, é posible aprobar este "alivio fiscal cadrando as contas".
"Defendemos un modelo de financiamento multilateral que atenda as necesidades de Galicia"
O conselleiro de Facenda rexeita pedir a condonación da débeda para Galicia como xa fixeron outras comunidades autónomas. Asegura que "é unha condonación feita a medida para unha comunidade en concreto" e cifra en "630 millóns de euros" a cantidade que se "detraería do financiamento de Galicia a aprobación do concerto catalán.
Miguel Corgos explica que a Xunta defende "que se negocie de forma multilateral un sistema de financiamento que atenda as necesidades de todas as autonomías. "Galicia ten necesidades adicionais de financiamento" debido ao "avellentamento e a dispersión da poboación", que fan que "os servizos públicos sexan máis caros de prestar no noso caso".
Corgos lamenta que o Goberno central non presentara aínda o proxecto de orzamentos para o ano que vén. "No 24 non tivemos e no 25 non se presentaron dado a situación de febleza do goberno", salientou. "Para nós é un problema porque os orzamentos do estado dan información sobre os inputs que deben ter os presupostos autonómicos, como é o caso do cadro macroeconómico", o que "complica facer previsións e cadrar as contas".
No caso galego, o conselleiro ve posibilidades de negociar coa oposición as contas galegas. "Penso que hai espazos amplos para os consensos", asegura, xa que "todos queremos que Galicia medre, teña mais emprego e mellores servizos públicos".