Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reabre a A-8 en Abadín, cortada durante oito horas tras envorcar un camión cargado de vacas

Reabre a A-8 en Abadín, cortada durante oito horas tras envorcar un camión cargado de vacas

O vehículo, cargado de reses, envorcou e quedou atravesado na calzada á altura do quilómetro 555 en sentido Santiago

Os servizos de emerxencia atenderon unha persoa que viaxaba como acompañante

 

 

G24.gal 16/12/2024 09:21 Última actualización 16/12/2024 14:32

Unha trintena de cabezas de gando vacún invadiron de madrugada un tramo da autovía A-8. Viaxaban nun camión que saíu da vía e acabou envorcado á altura do concello lugués de Abadín en dirección Baamonde.

No vehículo viaxaban tres persoas, que saíron polo seu propio pé, pero que foron trasladadas polos servizos sanitarios. O condutor do camión contactou co 112 Galicia para solicitar asistencia sanitaria para o seu acompañante.

"Avisáronnos dun sinistro viario por unha saída pola marxe esqueda dun vehículo articulado que levaba 33 cabezas de gando vacún. Ían tres ocupantes que foron trasladados ao hospital de Lugo e están pendentes de valoración", explica Íñigo Rouco Vázquez, Sarxento da Garda Civil de Tráfico.

O camión accidentado é dunha empresa asturiana que transportaba os animais ata Silleda. Tras o accidente, a maior parte das vacas quedaron soltas pola estrada e foron pouco a pouco recuperándoas. 

"Nun primeiro momento faltaban varias cabezas de gando que se foron buscando pola zona; practicamente apareceron todas e só faltan catro por atopar", relata Íñigo Rouco Vázquez, Sarxento da Garda Civil de Tráfico.

O sinistro obrigou a interromper a circulación no tramo afectado e a desviar o tráfico durante algo máis de 8 horas.

Accidente con dous feridos e tres coches implicados en Santiago

En Santiago outro accidente acontecido dez minutos despois das 7:00 da mañá deixa dúas persoas feridas. Aconteceu no quilómetro 50 da N-550, na parroquia compostelá da Barciela.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Santiago, da Garda Civil de Tráfico e dos servizos de mantemento da estrada.

Unha vez no punto, os bombeiros confirmaron que un implicado permanecía atrapado no seu coche, polo que procederon coas tarefas de excarceración.

Dúas persoas foron finalmente trasladadas, unha delas ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e a outra á Rosaleda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar