Cortada a autoestrada AP-4 entre Sevilla e Cádiz por un incendio en Puerto Real
Cortada a autoestrada AP-4 entre Sevilla e Cádiz por un incendio en Puerto Real
As autoridades desaloxaron varias casas de xeito preventivo e activaron o nivel 1 de alerta
A autoestrada AP-4, que une Sevilla e Cádiz, quedou cortada á altura do quilómetro 104 polo incendio que afecta a paraxe natural de Las Canteras, no termo municipal de Puerto Real (Cádiz), segundo informou o 112 da comunidade.
A delegada da Xunta de Andalucía na provincia, Mercedes Colombo, ordenou activar ás cinco da tarde o nivel 1 do Plan Infoca, ante o risco existente para as persoas e os bens. O Consorcio Provincial de Bombeiros confirmou o desaloxo de varias casas de xeito preventivo.
As lapas comezaron a primeira hora da tarde neste piñeiral, o máis importante do municipio, xunto a unha zona residencial, a autoestrada, o cemiterio e o recinto feiral.
Comunicacións afectadas
A AP-4, que enlaza Cádiz con Sevilla, quedou cortada en ambos os dous sentidos no quilómetro 104 e as autoridades recomendan buscar vías alternativas.
A circulación ferroviaria no municipio tamén está a sufrir atrasos e o lume interrompeu a subministración eléctrica en varias localidades da contorna.
O plan contra incendios da Xunta de Andalucía (Infoca) foi ampliando os medios de extinción e xa actúan na zona un helicóptero lixeiro, dous semipesados e un pesado; dous avións de carga en terra e un de coordinación, un camión autobomba e tres grupos de bombeiros forestais.