Cortan a calzada por obras na AP-53 desde este luns, no treito que pasa pola Estrada e Silleda
Cortan a calzada por obras na AP-53 desde este luns, no treito que pasa pola Estrada e Silleda
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible executa obras de mellora do firme entre os puntos quilométricos 17,020 e 27,840, nunha reparación que se prevé prolongar ata finais de setembro
As obras na AP-53, no treito que discorre polos concellos da Estrada e Silleda, por mellora do firme provocarán corte de calzada desde este luns.
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible está a executar as obras de mellora do firme entre os puntos quilométricos 17,020 e 27,840 da autoestrada AP-53, na provincia de Pontevedra.
"Por iso, e para garantir a seguridade dos cidadáns e traballadores, a partir deste luns 19 de agosto, ás 08:00 horas, será necesario o corte dunha calzada desviando o tráfico pola oposta", precisa.
Concretamente os tramos afectados serán os seguintes: calzada dereita (sentido Ourense) do quilómetro 17,020 ao 25,240 e calzada esquerda (sentido Santiago) do quilómetro 17,130 ao 19,160 e do quilómetro 24,340 a 27,840.
As afectacións producidas por estes traballos durarán, previsiblemente, ata finais de setembro, a condición de que o permitan as condicións meteorolóxicas. Os desvíos de tráfico habilitados estarán debidamente sinalizados, en ambos os sentidos.