Publicador de contidos
Publicador de contidos

Corzos e xabarís provocan estragos nos viñedos do Ribeiro

Corzos e xabarís provocan estragos nos viñedos do Ribeiro

 Din que poden comprometer a colleita deste ano e reclaman medidas para evitalo

G24.gal 11/05/2023 14:27

Preocupación entre os viticultores da comarca do Ribeiro, ante os estragos causados polos corzos e os xabarís nestas últimas semanas. Din que poden comprometer a colleita deste ano e reclaman medidas para evitalo.

Contan os agricultores que tanto os corzos como os xabarís entran acotío nos viñedos e comen os gromos ou rompen as ramas das cepas. Moitas delas, din, quedan estragadas de tal xeito que chegado o momento os acios non poderán saír adiante.

Aseguran que a poboación destes animais medra cada ano e que mesmo se vén obrigados a facer esperas autorizadas durante a noite para impedir que cheguen aos viñedos.

Alberto percorre os viñedos que ten en Beade para cuantificar os danos que lle produciron os corzos e os xabarís a noite pasada. 

"Todas as mañás damos unha revisada. Se hai moito dano chamar o 012 e que os axentes medioambientais veñan revisar os danos e que valoren. Solicitamos esperas. Levamos así un mes. Pero todos os días hai danos", conta o viticultor Alberto Gómez.

A día de hoxe autorízanlles esperas para abater xabarís, pero o corzo está en época de cría e non se pode cazar. Así que isto é co que atopan cada día: as cepas amencen sen gromos. 

"O corzo as cepas que rilla iso non volve saír outra vez, queda esnaquizado, non serve para nada. Esas cepas é mellor cortalas, arrancalas e volvelas poñer outra vez. Iso non agroma e o que agroma non sae ben", apunta o viticultor Benito Alonso.

"Agora están coa descorna, o macho mete os cornos entre as cepas e estraga todo".

Din que ademais o problema incrementarase en canto empecen a medrar os acios. Daquela os estragos do xabaril serán aínda maiores.

"No tempo das uvas non é o que coma, que o que come é pouco. É que estraga filas enteiras, fai un estrago enorme cando se mete nunha viña".

"Onde come o resto dos acios rómpeos e iso implica que vai podrecer a uva. Todos os anos estamos co mesmo, é insostible".

Coidan que unha das posibles solucións ao problema podería ser que se permitira poñer trampas con gaiolas para tentar reducir a poboación de xabarís. E insisten en que o que precisan é unha solución que permita aos animais seguir no seu hábitat e ao mesmo tempo que os viticultores poidan sacar a colleita adiante.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade