Un centro de Oleiros para persoas con discapacidade sofre a cuarta acción vandálica en tres meses
Un centro de Oleiros para persoas con discapacidade sofre a cuarta acción vandálica en tres meses
Unha furgoneta da asociación Aspadisol quedou totalmente inutilizada polos danos causados
A directora do centro, Yolanda Prieto conta que "chegamos (o luns) pola mañá con toda a intención de arrincar rutas coa furgoneta, xusto a máis nova, co parabrisas estalado, e meteron un lastro pola fiestra da porta corredoira dereita. Rebentaron toda a ventá, e a pedra, dentro".
Este acto vandálico supuxo unha alteración no inicio da rutina semanal do centro que Aspadisol ten no Carballo, en Oleiros. Quedaron sen unha furgoneta para ir recoller parte dos 22 usuarios e usuarias con discapacidade que acoden aquí de luns a venres para desenvolver diversas actividades.
Os responsables das instalacións consideraran que estamos ante unha acción malévola, a cuarta desde xullo: "O único obxectivo era facer mal. Non é a primeira vez, e todas foron denunciadas na Garda Civil: estragos na zona exterior, os bancais que fan os rapaces de madeira apareceron levantados, os expositores rotos, encontramos porcas e varias picadas de rodas en coches de traballadores...", explica a directora.
Lembra a directora o trato excelente que teñen coa veciñanza e que detrás das falcatrúas está alguén que non soporta o momento de crecemento que ten o centro ocupacional, en servizo desde hai trinta anos.
"Entendemos que é alguén que ten ganas de facer mal, pero non temos ningunha proba e non sabemos quen pode ser. Pero que, se nos escoita, deixamos claro que nós seguimos cara a adiante, que seguimos traballando e que a ilusión e o compromiso é o mesmo e, se cadra, máis", conclúe Yolanda Prieto.