Publicador de contidos
Publicador de contidos

Damián: "Renovar é un premio por estar aquí tantos anos"

Damián: "Renovar é un premio por estar aquí tantos anos"

Dixo non ter preferencia polos seus compañeiros no centro do campo, Fran Beltrán, Ilaix Moriba e Hugo Sotelo

G24.gal 05/09/2024 11:25 Última actualización 05/09/2024 12:26

O centrocampista Damián Rodríguez non escondeu este xoves a súa satisfacción por ampliar o seu contrato ata o 2028 co Celta, club no que leva desde benxamín.

“Cando estaba no Celta C sempre esperaba algún día poder chegar ao primeiro equipo. Non sabía se ía ser tan rápido. Era o que quería toda a miña vida e agora estouno gozando ao máximo. É un premio por estar aquí tantos anos, por elixir sempre o Celta por diante de todo. Ao final iso prémiase”, manifestou.

Neste inicio de curso, Damián participou nos catro partidos disputados polo Celta, sendo titular nas tres primeiras xornadas. Fronte ao Osasuna disputou a segunda parte.

“Estou a sentirme ben, cómodo, cada vez mellor. Claudio sempre confío en min e se o fago ben sei que terei máis oportunidades de seguir xogando”, afirmou durante a súa comparecencia ante os xornalistas.

Dixo non ter preferencia polos seus compañeiros no centro do campo -Fran Beltrán, Ilaix Moriba e Hugo Sotelo- porque os tres son “grandísimos” xogadores e cada un ten o seu “perfil”.

“Estou cómodo cos tres, todos me axudan moito en distintas facetas”, explicou Damián, quen é consciente de que debe mellorar defensivamente porque aínda ten “moita marxe de mellora”.

O canteirán celebrou o bo momento do Celta, e apuntou á solidez en Balaídos como unha das claves para que o equipo cumpra os seus obxectivos.

“Nunca vira esta ilusión no celtismo. Temos que aproveitalo cada vez que xoguemos na casa”, destacou Damián, quen confesou que “sempre” soñou poder compartir vestiario con Iago Aspas.

“Cada vez que o vexo libre intento darlla porque sabes que algo bo vai pasar”, sinalou o mediocentro, que aparece de neno, sendo recollebalóns, na celebración de Iago Aspas en Balaídos tras marcar o F. C. Barcelona.

“Lembro aquela mítica foto”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade