Publicador de contidos
Publicador de contidos

Darío Xohán Cabana, admirado no profesional e querido no persoal

Darío Xohán Cabana, admirado no profesional e querido no persoal

G24.gal 17/11/2021 12:40

"Vaise coa miña admiración e pena porque aínda tiña tempo de ensinarnos", dicía o escritor Xavier Alcalá nas redes sociais tras coñecer a noticia do pasamento de Darío Xohán Cabana.

O falecemento levou o pesar a todo o ámbito da cultura e a literatura de Galicia. A Real Academia Galega (RAG) trasladaba o seu pesar polo pasamento dunha das "grandes voces das letras galegas contemporáneas".

O presidente da RAG, Víctor Freixanes, sinalaba nunha entrevista na Radio Galega "o seu dominio da palabra e capacidade para transmitir".

A Asociación de Escritores en Lingua Galega manifestaba "o seu profundo pesar polo pasamento do grande escritor, prezado por todas e todos nós pola súa inmellorábel calidade humana". 

Consello da Cultura Galega lamentaba a morte de Xohán Cabana da que di é "unha figura comprometida coa lingua, coa identidade e coa cultura galega".

Tamén A Mesa pola Normalización Lingüística ou a Asociación Galega de Editoras trasladaban o seu pésame a través das redes sociais. Do autor destacan todos o seu compromiso, pero sobre todo a súa calidade persoal.

De Darío Xohán Cabana din desde a editorial Galaxia, que "é unha das persoas máis relevantes da cultura galega das últimas décadas", ao tempo que lle mandaba "todo o noso agarimo a todos os que o quixeron e admiraron". 

A editorial Xerais refírese a el, quen foi gañador en dúas ocasións do seu premio de novela, como "un referente ineludible da literatura galega".

Tamén o ámbito da política se quixo despedir este mércores do escritor. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, escribiu nun chío que "Galicia perde unha figura fundamental para as súas letras".

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, asegura que é "día de loito para a cultura galega", ao tempo que envía unha "aperta á familia e amizades". 

A vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, despídese do escritor do que di "eras sabencia, voz que encarna unha nación. Adeus e sempre, Darío Xohán Cabana".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar