Darias sobre a retirada da máscara en interiores: "É importante o cando, pero tamén o como"
Darias sobre a retirada da máscara en interiores: "É importante o cando, pero tamén o como"
Sobre os refuxiados, Darias afirmou que se está a ofrecer a máxima colaboración e disposición porque "é unha situación indescritible que require do noso apoio, do mellor de nós mesmos"
A ministra de Sanidade manifestou sobre a retirada da mascara en interiores: "As persoas expertas que nos asesoran serán quen nos digan en que espazos, cando chegue o momento de quitalas no interior, deben seguir sendo obrigatorias"
Dous anos de pandemia: seis vagas, restricións, varias desescaladas que remataron en novas restricións, vacinación masiva. E agora a crise de refuxiados. Este xoves, o Ministerio de Sanidade ten previsto discutir coas comunidades autónomas un protocolo de saúde pública para os milleiros de refuxiados que foxen da guerra.
Carolina Darias, ministra de Sanidade, estivo no informativo Bos días, onde manifestou que todos os países están coordinados na Unión Europea. Destacou que todos os ministros mantiveron hai dous días unha reunión, que contou coa presenza do seu homólogo ucraíno, onde fixo un relato desgarrado,
"Hai unha determinación clara de toda a Unión Europea e a comunidade internacional de actuar de maneira coordinada e solidaria para atender, no de saúde, todas as necesidades que precisen. E estamos a facelo", destacou Darias.
A ministra de Sanidade manifestou que o Goberno de España, todo o Sistema Nacional de Saúde, está enviando medicamentos e puxo á disposición máis de 5.500 camas, das que 1.184 son camas pediátricas.
"O que estamos facendo é ofrecer a máxima colaboración e disposición. É unha situación indescritible que require do noso apoio, do mellor de nós mesmos, como o Sistema Nacional de Saúde fixo durante toda a pandemia, e unha vez máis estaremos á altura", subliñou Darias.
Criterios únicos
Sobre se haberá criterios únicos, a ministra de Sanidade destacou que "España é o país que máis camas puxo á disposición, e fíxoo o conxunto do Sistema Nacional de Saúde xunto con Defensa" e que se están enviando medicamentos da reserva que ten o ministerio e tamén os que poñen á disposición as comunidades autónomas.
"O organismo de Protección Civil di qué principios activos de medicamentos precisan, a Axencia Española de Medicamentos transfórmaos, distribúense entre as comunidades autónomas e cada unha vai achegando o que en cada momento pode e trasládanse ao organismo de Protección Civil e enviamos todos os medicamentos", manifestou Darias.
Os medicamentos trasládanse ao ministerio de Defensa, segundo afirmou Darias, e é cando cargan os avións para levalos, e todo coordinado polo Sistema Nacional de Saúde. Este xoves, a comisión de Saúde Pública vai dar un protocolo de actuación coordinada cos refuxiados para que todos teñan o mesmo tratamento e as mesmas vacinas.
"Ucraína é un dos países que ten unha menor taxa de vacinación (en covid–19, polio, tuberculose ou sarampelo) e en coordinación co organismo europeo do ECDC será tamén un tratamento homoxéneo en Europa", destacou Darias. Volveu subliñar que hai máxima coordinación europea e en España para atender e darlles todo o que precisen ás persoas que foxen da guerra ocasionada por Putin.
Protocolo de saída da pandemia
Sobre se esta circunstancia delimita o novo escenario para controlar a pandemia, a ministra de Sanidade dixo: "Non creemos que teñan ningún impacto nese sentido e hai que ver as persoas que chegan". Darias manifestou que coa protección temporal exprés que dan en 24 horas xa se expide de xeito inmediato a tarxeta sanitaria para que teñan acceso a todos os servizos.
Retirada da máscara en interior
A ministra de Sanidade afirmou que este xoves a Comisión de Saúde Pública vai dicir cando se inicia o período transitorio cara á vixilancia sentinela, e a partir dese momento deixarase de contar caso a caso, pero cun máximo seguimento ás persoas máis vulnerables e sobre todo á hospitalización.
"Temos que fixarnos tanto en camas hospitalarias como en UCI e non tanto na incidencia acumulada, aínda que sempre hai que tela presente porque sempre fala do nivel de circulación do virus", matizou a ministra de Sanidade.
Sobre a retirada da máscara en interior, Darias quixo deixar claro que o seu ministerio sempre mantivo o mesmo paso: "Nin adiantar, nin atrasar, iremos progresivamente, acorde coa situación epidemiolóxica, avanzando. Hai que ir acompasados e de maneira coordinada e homoxénea en todo o territorio nacional".
"Non se trata de que unha comunidade corra máis ca outra, senón de que a fortaleza de avanzarmos xuntos nos permitiu chegar máis lonxe. O tema das máscaras no interior será obxecto tamén, de maneira pausada, da mellor decisión, como adoptamos noutras ocasións", concluíu Darias.
Incidindo nese tema, quixo matizar: "É importante o cando, pero tamén o como, porque as persoas expertas que nos asesoran serán quen nos digan en que espazos, cando chegue o momento de quitalas no interior, deberán seguir sendo obrigatorias. Se cando haxa unha aglomeración en interior é conveniente mantela, se en caso do transporte público pode ser conveniente mantela ou se en determinados espazos con persoas vulnerables tamén. Pode haber unha idea previa, pero o importante é que veña da man das persoas expertas".
Sobre se hai risco dunha volta atrás, a ministra de Sanidade quixo incidir en que España entrou máis tarde na sexta vaga e saíu antes dela. Volveu incidir nos datos de vacinación en España onde o 92 % de persoas maiores de 12 anos ten a pauta completa e hai máis de 24 millóns de persoas coa dose de reforzo. "A protección persoal axuda a ter unha protección colectiva", destacou. Quixo facer un chamamento para que as persoas que aínda están sen vacinar acudan a facelo e que é importante vacinar o resto do mundo.
Prazas MIR
Unha das cuestións pendentes, reclamada por Galicia insistentemente, é o aumento das prazas MIR. Darias destacou que a disposición é tan grande que dende que Pedro Sánchez é presidente, as prazas incrementáronse un 32 % e que a partir de 2027 non haberá necesidades extra.
"Hai que seguir traballando da man das comunidade autónomas, balanceando aquelas especialidades que sexan deficitarias coas que son excedente e as prazas acreditadas polas comunidades autónomas teñen que cubrirse na súa totalidade", subliñou.
Xa para rematar, Darias manifestou que o alcalde de Vigo se vai sumar ás cidades amigas para loitar contra o VIH para que no ano 2030 deixe de ser un problema de saúde pública. Pediu que o resto de cidades españolas se unan a esta iniciativa.