Aglomeracións nos centros comerciais neste festivo de apertura
Aglomeracións nos centros comerciais neste festivo de apertura
Moitos compradores aproveitaron para devolver agasallos de Nadal e facer as compras de última hora
Aproveitando que abren os centros comerciais, moitos usuarios achegáronse ás grandes superficies para devolver aqueles agasallos que non lles gustaron ou que recibiron duplicados, pero tamén para seguir mercando para o día de Reis, malia que as asociacións de consumidores recomendan adiantar e planificar as compras para evitar subas de prezos.
"Eu son pouco partidario de devolvelo. Se cho regalaron, algún sentido ten. A min non me gusta devolver", comenta un dos clientes que este domingo visitaba un centro comercial en Ourense.
Un dos efectos da pandemia é a aposta polo comercio electrónico, pero os galegos, polo momento, prefiren facer as compras en tendas físicas para poder tocar e comprobar o que mercan.
"Por probar as cousas, o trato coa xente é moito máis directo. Ao final acabas na tenda sobre todo por iso, por probar", confesaba unha compradora.
As estatísticas apuntan que os galegos gastarán estes días sobre uns catrocentos vinte euros en produtos e agasallos, un pouco menos ca o ano anterior e un vinte por cento menos que cando non había pandemia.
Mentres os comerciantes esperan que, malia as dificultades, o consumo alcance niveis similares aos que había cando non sabiamos o que era levar unha máscara.
Compras na Coruña
O máis normal é que a xente quede satisfeita. Pero ás veces, entre miles e miles de encargas e peticións, Papá Noel -que é máxico, pero non infalible- ten algún despiste. Por sorte, son pequenas equivocacións que se corrixen doadamente.
Os centros comerciais abriron en domingo para que as persoas descontentas puidesen cambiar o seu agasallo por outro máis aquelado. Houbo moito movemento nas tendas, pero non atopamos demasiados partidarios dos trocos.
O que si vimos foi moita xente que se refuxiou da chuvia e do mal tempo nos centros comerciais e que, xa postos, aproveitou para facer algunha compra.
Tamén, colaboradores das súas maxestades de Oriente, sobre todo nas tendas de xoguetes, asegurándose de que Melchor, Gaspar e Baltasar non quedan sen subministración para a noite de Reis.