Debate político en Galicia sobre a titularidade ou a defensa da gratuidade da AP-9
Debate político en Galicia sobre a titularidade ou a defensa da gratuidade da AP-9
O conselleiro de Presidencia di confiar en que o PSdeG consiga que o Goberno acceda á transferencia da Autoestrada do Atlántico
O líder dos socialistas galegos Xosé Ramón Gómez Besteiro defende a gratuidade da AP-9 e pídelles a PP e BNG que apoien uns orzamentos do Estado que inclúan bonificacións do 75 % das peaxes
O debate político sobre o rescate e traspaso da AP-9 a Galicia avívase: o conselleiro de Presidencia Diego Calvo anima o PSdeG a convencer o Goberno de que a principal vía de comunicación do territorio debera ser de titularidade da Xunta.
O líder dos socialistas galegos Xosé Ramón Gómez Besteiro prioriza manter as bonificacións nas peaxes e a defensa da gratuidade.
O goberno galego rexeita as contas que bota o Ministro de Transportes sobre o custo da transferencia e rescate da AP-9. Óscar Puente dixo que a recuperación da vía para o erario e o traspaso da súa titularidade á Xunta ascendería a 6.000 millóns de euros.
"Eu estaba presente cando o ministro cambiou a cifra. A principios de semana eran 4.000 millóns, despois 6.000, e se lle volven preguntar para a semana que vén igual estamos en 8000. A min gustaríame pensar que efectivamente imos ser capaces e que o Partido Socialista en Galicia vai conseguir que o Goberno vote a transferencia. Creo que iso non implica tantos cartos e se temos a transferencia cos recursos necesarios para poder xestionala haberá tempo para poder falar dos seguintes pasos".
O líder dos socialistas galegos considera que á cidadanía lle preocupa máis a gratuidade da autoestrada ca a cesión da titularidade. Gómez Besteiro asegurou que hai previsión de aumentar as bonificacións do 50 por cento actuais. Engadiu que aínda que deixar a via sen peaxes sexa complexo non quere dicir que sexa imposible".
"Se me dan a elixir entre gratuidade e transferencia, eu quedo coa gratuidade, que creo".
Sen renunciar, a reclamar a competencia da AP-9, Besteiro pídelle ao PP e o BNG que apoien uns orzamentos xerais do estado que inclúan bonificacións do 75 por cento das peaxes.