Publicador de contidos
Publicador de contidos

Decenas de detidos na Universidade de California tras irromper a policía no campamento propalestino

Decenas de detidos na Universidade de California tras irromper a policía no campamento propalestino

Os incidentes producíronse despois de que durante toda a noite os acampados se negaran a abandonar as instalacións de UCLA como lles pedían as autoridades

O presidente, Joe Biden, condenou a violencia nas protestas contra a guerra en Gaza

Policía e manifestantes durante as protestas deste xoves dos grupos propalestinos na Universidade de California (Reuters) Policía e manifestantes durante as protestas deste xoves dos grupos propalestinos na Universidade de California (Reuters)
G24.gal 02/05/2024 13:30 Última actualización 02/05/2024 18:10

Axentes da policía practicaron este xoves decenas de detencións tras irromper no campamento propalestino instalado na Universidade de California (UCLA) nos Ánxeles.

Segundo medios locais, decenas de oficiais chegaron ao campamento universitario e enfrontáronse á resistencia de centos de manifestantes mentres trataban de eliminar barreiras metálicas e de madeira e outros obxectos que impedían o acceso.

A actuación dos axentes iniciouse na madrugada deste xoves, cando a policía lanzou bengalas sobre o campamento que provocaron fortes explosións, segundo Los Angeles Times.

A CNN informou de varios intentos policiais previos para penetrar na zona onde permanecían atrincheirados os manifestantes sen éxito e de que no operativo participaron unidades do servizo de operacións especiais.

Nos vídeos aos que tivo acceso a cadea pódese ver aos policías con equipos antidisturbios, cascos, máscaras antigás, bridas e preparando as súas porras cando entraban ao campamento dos manifestantes que protestan pola guerra de Israel en Gaza.

Algúns dos manifestantes axeonlláronse no chan cos brazos atados ás costas mentres os axentes os detiñan e continuaban sacando a máis persoas fóra do campamento, asegura a CNN.

Os detidos son trasladados en autobuses que foron dispostos preto do campus universitario californiano.

Os incidentes producíronse despois de que durante toda a noite os acampados se negasen a abandonar as instalacións de UCLA como lles pedían as autoridades

Os incidentes producíronse despois de que durante toda a noite os acampados se negasen a abandonar as instalacións de UCLA como lles pedían as autoridades.

A UCLA cancelou este mércores as súas clases tras a intervención policial do campus sucedida durante a madrugada dese día para frear os enfrontamentos violentos entre grupos de manifestantes proisraelís e os que reclaman parar a guerra en Gaza.

O centro educativo comunicou aos estudantes, a través dun correo electrónico, a cancelación de todas as clases deste mércores e informoulles de que os axentes da policía permanecerían nos edificios principais, xunto ao campamento.

A policía foi despregada á primeira hora do mércores "debido a múltiples actos de violencia dentro do gran campamento (montado polos manifestantes propalestinos) no seu campus", segundo informou o Departamento de Policía dos Ánxeles (LAPD) en redes sociais.

A intervención produciuse despois de que grupos de manifestantes proisraelís vestidos de negro e con máscaras brancas se enfrontasen a pasada noite aos estudantes instalados nun campamento no recinto da universidade para protestar pola guerra de Israel contra Hamas en Gaza.

As actuacións policiais nos Ánxeles súmase aos incidentes similares que durante os últimos días tiveron lugar en decenas de universidades de todos oOs Estados Unidos e que remataron con varios centos de detencións, os máis graves ocorridos en Columbia (Nova York) e en Wisconsin.

Biden condena a violencia producida nas protestas

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, condenou este xoves a violencia nas protestas universitarias contra a guerra en Gaza. Fíxoo durante un discurso na Casa Branca convocado de urxencia e que non aparecía na axenda oficial que enviou onte á noite aos medios a oficina de prensa.

Nunhas declaracións de apenas tres minutos, o mandatario defendeu o dereito dos estudantes para manifestarse, pero insistiu en que "debe prevalecer a orde" fronte os disturbios que se rexistraron nos últimos días en campus universitarios de todo o país con centenares de arrestos.

"A protesta violenta non está protexida, a protesta pacífica si. É ilegal cando se produce violencia. Destruír propiedades non é unha protesta pacífica, é ilegal. O vandalismo, as violacións, romper xanelas, paralizar os campus, forzar a cancelación de clases e gradacións. Nada disto é unha protesta pacífica", salientou. "Ameazar persoas, intimidalas, infundirlles medo non é unha protesta pacífica. É ilegal", subliñou.

Biden afirmou que "a disidencia é esencial para a democracia", pero a disidencia "nunca debe derivar na desorde e nunca debe resultar en que se neguen os dereitos que teñen outros estudantes para terminar o semestre e a súa educación universitaria".

O presidente, que se mantivo en silencio nos últimos días sobre a extensión das protestas por todo o país, afirmou que nos campus universitarios "non hai lugar para o discurso de odio ou a violencia de ningún tipo", xa sexa "antisemitismo, islamofobia" ou discriminación contra os estudantes de orixe árabe ou palestino.

Ao termo do seu discurso, Biden respondeu cun seco "non" cando un xornalista lle preguntou se as protestas universitarias lle fixeran reconsiderar as súas políticas cara a Israel. Tamén contestou negativamente cando lle preguntaron se as forzas de reserva da Garda Nacional deberían intervir nestas protestas, algo ao que recorreu o gobernador de Texas, o republicano Greg Abbott, para reprimir aos manifestantes da Universidade de Texas en Austin.

A última vez que Biden se pronunciou sobre as manifestacións foi o 22 de abril, cando, en resposta a preguntas dos xornalistas, dixo que condenaba as "protestas antisemitas" e a "aqueles que non entenden o que está a ocorrer cos palestinos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade