Declarado inocente tras 45 anos no corredor da morte
Declarado inocente tras 45 anos no corredor da morte
O xaponés Iwao Hakamada era o preso que máis tempo levaba esperando execución
O tribunal cre que as probas que o inculpaban foron fabricadas
Para Iwao Hakamada rematou un pesadelo que duraba xa 56 anos. En 1968 foi condenado a morte por un cuádruplo asasinato e desde 1980 esperaba a súa execución. 44 anos máis tarde, un tribunal acaba de sentenciar que as probas que se presentaron conta el eran falsas.
"A maioría foron fabricadas", explicaba o seu avogado, "e o tribunal cre que o resto de evidencias non son sólidas de abondo para manter a acusación".
Hakamada, de 88 anos, non estivo na sala que declarou a súa absolución, pero si a súa irmá, que leva medio século pedindo xustiza e que hoxe agradecía o apoio de todos os que a acompañaron na loita.
Hakamada estaba libre desde 2014, cando se ordenou repetir o seu xuízo ao aceptarse que o ADN das manchas de sangue que o incriminaban non era o seu.
Os xuíces tamén aceptaron que a súa confesión inicial fora arrancada pola policía a base de malleiras. Hakamada é o símbolo do movemento contra a pena capital no Xapón, o único gran país industrializado xunto aos Estados Unidos que mantén ese castigo.
A execución é sempre coa forca e non se comunica a data ata unhas poucas horas antes, unha tortura diaria que Hakamada padeceu durante medio século e que sofren hoxe 107 prisioneiros nos corredores da morte do Xapón.