Publicador de contidos
Publicador de contidos

Declaran en Lugo outras 12 vítimas da rede de explotación de empregadas do fogar

Declaran en Lugo outras 12 vítimas da rede de explotación de empregadas do fogar

A trama suma xa unhas 80 traballadoras en condicións próximas á escravitude

Félix Aragunde 15/09/2022 14:00

A trama de explotación de empregadas do fogar estranxeiras que opera na provincia de Lugo continúa a sumar denunciantes. As últimas incorporacións ao caso son unha ducia de mulleres tamén vítimas da rede, que están a declarar no Xulgado de Instrución número dous da capital luguesa ante a xuíza que leva o caso.

Ana María Rivera, vítima da rede de explotación de empregadas do fogar: "Se eu precisaba librar, tiña que pagarlle 50 euros á persoa que viña. A min pagábanme 850 euros, e de aí tiña que quitar esa cantidade á persoa que me substituía".

Waldir Sinisterra, avogado de 30 das vítimas da trama: "O requisito para seren contratadas era non ter documentación. Nin lles pagaban Seguridade Social nin as remuneracións legais polos seus servizos".

Na investigación da trama figuran como imputadas cinco persoas, entre elas as propietarias dunha empresa de Castroverde. En total, o caso suma xa unhas 80 vítimas, e entre as novas incorporacións cóntanse tamén traballadoras en fogares da cidade de Lugo e mesmo de Ourense, que denuncian explotación laboral e mesmo abusos.

Waldir Sinisterra, avogado de 30 das vítimas da trama: "Outra rapaza, que traballa en Rafael de Vega, tamén manifestaba unhas condicións de traballo realmente inadecuadas. A compañeira da persoa que ela coidaba agacháballe a comida, tratábaa mal e agredíaa".

Entre as novidades do caso tamén figura que a xuíza está a investigar as encargadas da rede por un delito de malversación de fondos públicos, posto que os clientes podían beneficiarse de subvencións da Xunta para pagarlles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar