Vídeos engadidos á causa das gravacións da Maruxaina poderían identificar os autores
Vídeos engadidos á causa das gravacións da Maruxaina poderían identificar os autores
Unha vintena de afectadas pola difusión das imaxes declaran no xulgado de Viveiro
Unha vintena de afectadas polas gravacións ilegais nas Festas da Maruxaina de 2019 prestaron declaración no Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro. Fano por vez primeira, despois de que a Audiencia Provincial de Lugo ordenara a reapertura do caso.
Investígase a captación de imaxes dunhas 80 mulleres a ouriñaren na rúa en San Cibrao e a súa posterior publicación en páxinas pornográficas.
Paloma Maseda, voceira das denunciantes: "Por unha parte, estamos contentas porque nos están escoitando, pero por outro lado temos un sabor agridoce porque vai a cousa moi lenta. Cremos que poden adiantar bastante máis a investigación porque teñen moitos fíos polos que tirar".
Ylenia Hinestrosa, denunciante: "Tardouse moito en dar este paso, e creo que xa era hora. Seguramente haxa máis afectadas que non se recoñecesen nos vídeos ou que non fosen identificadas".
Segundo as denunciantes, acaban de engadir á causa uns vídeos recollidos nas Festas de San Cibrao en que se podería identificar os autores das gravacións. Neles sinalan que mesmo se aprecia como chegan a tocar as mulleres mentres manteñen relacións na praia.
Paloma Maseda, voceira das denunciantes: "Nós chegamos a estes vídeos, aos que pode chegar calquera persoa, en que se ven caras e se escoitan nomes. Agora estamos á espera de que a xente que ten que facer este tipo de traballo que o faga ben e consiga resultados".
Queda aínda por declarar parte das afectadas. Algunhas delas viven no estranxeiro, polo que previsiblemente o farán por videoconferencia.