Decretada a alerta por seca nos encoros de Zamáns e de Baíña
Decretada a alerta por seca nos encoros de Zamáns e de Baíña
Nigrán e Baiona son os dous municipios afectados por esta situación
Os alcaldes de ambos os dous concellos queren reunirse con Augas de Galicia
A Oficina Técnica da Seca eleva a situación de alerta por falta de auga nos pantanos de Zamáns e Baíña que fornecen os concellos de Nigrán e Baiona. Ambos os dous concellos chegan a triplicar a poboación na época estival.
Esta situación vai obrigar a pór en marcha medidas especiais nos sistemas municipais de abastecemento. De momento, os cortes que se levaron a cabo afectan ás praias e mesmo aos baldeos das rúas, que están totalmente prohibidos.
A poboación agarda expectante a evolución dos niveis das presas e o sector da hostalería comeza a preocuparse.
O encoro de Zamáns, situado no concello de Vigo, subministra a Nigrán e permanece enganchado a Baiona por se fose necesario usar desta auga. Con todo, os alcaldes dos municipios afectados queren reunirse con Augas de Galicia.
Se non chove, as medidas poderían ser máis drásticas. De momento, a máis urxente é aplicar un réxime de caudais ecolóxicos de seca para os ríos de Zamáns e Baíña.