Denuncian o mal estado que presenta a capela do Carme en Lugo
Denuncian o mal estado que presenta a capela do Carme en Lugo
As obras paralizáronse no verán e agora entra auga polo teito
Os veciños denuncian a mala imaxe da rúa
Dando un paseo polo adarve da muralla romana de Lugo chama a atención esta imaxe. A histórica capela do Carme presenta este estado. Estaban realizando tarefas de mellora, pero o presuposto das obras disparouse e a confraría á que pertence a capela parou todo. Agora as vigas de madeira están ao descuberto e a capela non para de sufrir as inclemencias do inverno.
As obras paralizáronse en verán e dende entón non se volveu actuar no templo. Ao longo destes meses a lona que facía de teito foise deteriorando e agora presenta numerosos buratos por onde non para de entrar a auga. Toda unha ameaza para esta capela pegada á muralla romana e ao pé do Camiño Primitivo.
"A tea rompe e ao romper a tea fai un burato e vai abrindo ata que xa non pode máis".
Os veciños están indignados con esta situación. Non entenden como poden deixar o templo peor do que estaba e lamentan os danos que se teñen que estar producindo no interior do templo e na súa estrutura.
"Dixeron que os santos e iso os sacaron de aí pero as pinturas e a madeira e todo quedará feito cascallos".
"É inconcibible que se poñan a traballar nela, que lle quiten o teito, que desmonten todo e que marchen. É incomprensible".
Malia que na zona se arranxou a praza, os veciños lamentan o mal estado que presenta esta rúa situada no centro da cidade.
"Arranxaron todo isto pero dentro de arranxar é unha pena que despois vexas todo tal e como está. Ademais a capela é moi bonita por dentro e é unha pena".
"Ver esta zona é deprimente, as casas caendo e con problemas de ocupación ilegal".
Din que se trata dunha zona privilexiada pola súa localización, pero que pola contra dá unha pésima imaxe da cidade.