Publicador de contidos
Publicador de contidos

Denuncian un incremento do 'greenwashing' agrario

Denuncian un incremento do 'greenwashing' agrario

Este nome en inglés refírese ao lavado de cara que fan algunas empresas para vender como ecolóxicos produtos que en realidade non respectan o medio natural

Intereco, a asociación das entidades de control da produción ecolóxica, pediu en Santiago unha regulación do uso dos termos na etiquetaxe de alimentos

G24.gal 10/04/2024 14:17

Os produtores ecolóxicos e os organismos que se encargan de facer cumprir a normativa ambiental denuncian cada vez máis greenwashing. Intereco é a asociación de todos os consellos reguladores da agricultura ecolóxica de España, e escolleu Santiago para denunciar o incremento do "lavado verde", a estratexia comercial ou de propaganda que se basea en confundir termos.

"Empresas e tamén a Administración ás veces pecan de 'greeenwashing'. Usan termos que son moi ambiguos: eco, bio, verde, natural. E iso hai que regulalo", dixo Iker Iglesias, presidente de Intereco. 

 "Hai que escapar desa imaxe de ecolóxico que non conta coa certificación oficial. É unha usurpación do concepto que está afastada da normativa europea", engadiu José Luis Cabarcos, o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria

Os produtores en ecolóxico falan de fraude e competencia desleal. Lamentan tamén que a terra e os dereitos de produción se estean concentrando en poucas mans por culpa do exceso de burocracia. E denuncian que, con esa base, se acaben por xustificar recortes na protección ambiental.

"Houbo certa manipulación na mensaxe das protestas e as modificacións que se están a propoñer son rebaixas ambientais. O que pedimos é que os fondos públicos sexan para axudar os agricultores e os gandeiros para que poidan facer ben o seu traballo, sen estar expostos a tóxicos e sen contaminar", explicou Aina Calafat, da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica. 

Avogan por abandonar actuacións que consideran depredadoras e curtopracistas e optan por producir alimentos que non sexan tóxicos sen envelenar o futuro do planeta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade