Idiakez queda na corda frouxa despois dunha nova derrota en Riazor
Idiakez queda na corda frouxa despois dunha nova derrota en Riazor
O Racing de Santander apañou a sexta vitoria como visitante con dous goles nos primeiros vinte minutos
O golazo de Yeremay só serviu para darlle emoción ao treito final
Nova derrota do Deportivo (1-2) coa mesma secuencia do xoves pasado. Antes da media hora o Racing xa marcara dous goles e o Deportivo tivo que remar contra corrente, pero só lle chegou para darlle emoción á parte final.
Nos primeiros vinte minutos, o Deportivo repetiu os erros do xoves contra o Levante. O Racing amosou a fortaleza como visitante e xerou moito perigo. Aos 18 minutos marcaba Pablo Rodríguez e cinco máis tarde Arana poñía o 0-2. Riazor apupaba uns xogadores que saíran cos brazos abaixo. Pero o cadro coruñés tivo unha boa reacción no treito final. A Barbero anuláronlle un gol por fóra de xogo e nos últimos cinco minutos Villares ao pau e Barbero mereceron o gol.
O segundo tempo comezou do mesmo xeito. Co Deportivo arriscando arriba e mandando un remate ao pau nun disparo de Lucas, e perdoando Cristian Herrera outra oportunidade clarísima. O Racing á contra tamén inquietou a porta de Helton. Yeremay, que entrara había uns minutos, marcou un gran gol nunha acción individual. Era o minuto 65 e quedaba moito por diante. O propio xogador canario inventou unha xogada brillante na que deixou atrás catro defensas do Racing, pero o remate marchou desviado.