Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deputacións: o PP só logra a maioría absoluta en Pontevedra

Deputacións: o PP só logra a maioría absoluta en Pontevedra

As forzas de esquerda manteñen a Deputación da Coruña

En Ourense, os populares continúan cun deputado menos dos necesarios para ter a maioría absoluta

Tras corrixir un erro en Lugo, finalmente o PSdeG mantén o goberno provincial, que á última hora da noite se lles daba aos populares

G24.gal 28/05/2023 23:33 Última actualización 29/05/2023 00:49

O PPdeG logrou este domingo a maioría absoluta na deputación de Pontevedra, pero non o conseguiu en Ourense

As forzas de esquerda manteñen a Deputación da Coruña, que ao final do reconto ten estes partidos con 17 representantes, sobre unha maioría absoluta de 16.

O PPdeG (14) segue coa súa representación, igual que o PSdeG (11), mentres que o BNG (4) gaña un deputado, Alternativa dos Veciños (1) queda igual e desaparece Marea Atlántica.

En Lugo, tamén co 100 % dos votos escrutados, os populares quedan a un escano da maioría absoluta, con 12 dos 13 representantes necesarios. Tanto PPdeG (12) como PSdeG (10) e BNG (3) manteñen os mesmos resultados que hai catro anos.

O último deputado provincial en xogo estivo no partido xudicial de Lugo, que aínda que nun primeiro reconto foi para o PPdeG en detrimento do PSdeG por 58 votos, a corrección dun erro de transmisión devolvéullelo aos socialistas.

A acta dunha mesa en Castro de Rei mostra 140 votos para o PSdeG e 40 para o BNG, pero transmitíronse ao revés, unha situación que tamén afecta a outra mesa en Lugo, neste caso cunha diferenza de ao redor dunha trintena, o que dá ese deputado aos socialistas por uns 110 votos.

En Ourense, tamén co 100 % do escrutinio e a maioría absoluta tamén en 13, os populares continúan cun deputado menos dos necesarios. O PPdeG queda igual (12), o PSdeG perde 2 ata os 7, Democracia Ourensá gana 2 ata os 3 e o BNG tamén gaña 2 para quedar con 3, mentres que desaparece Ciudadanos.

Pontevedra, ao final do reconto, ten os populares con exactamente 14 deputados, a maioría absoluta deste pleno. O PPdeG gaña 3, ata os 14, o PSdeG perde 4, ata os 9, e o BNG gaña 1, ata os 4, polo que cambia a cor política do organismo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade