Desacoplamento entre o investimento de España e o de Europa, por María Cadaval
OPINIÓN
Desacoplamento entre o investimento de España e o de Europa, por María Cadaval
Un recente estudo de BBVA Research, que asinan Rafael Domenech e Jorge Sicilia, revela que existe un desacoplamento significativo entre o investimento en España e en Europa. Nos últimos vinte anos, a Formación Bruta de Capital Fixo (FBCF) por persoa en idade de traballar situouse en España en 2.217 euros, un 5,3 % menor que en 2001.
En contraste, a Unión Europea (UE27) experimentou un crecemento do 35,6 %, da FBCF, alcanzando os 3.282 euros por persoa en idade de traballar, un 48 % máis que en España. Este estancamento relativo do investimento español contribuíu a unha diminución na renda per cápita relativa, caendo do 105,2 % da media da UE que tiña en 2006 ao 86,7 % en 2023. Os autores sinalan que factores como o incremento do gasto público, a presión fiscal e, sobre todo, a calidade institucional da que dá conta o Banco Mundial poderían explicar boa parte desta variación.
Marcou a covid-19 un punto de inflexión neste comportamento? Os datos mais recentes sinalan que o investimento se recuperou lentamente tras a covid-19, aínda que está un 5,1 % por debaixo dos niveis previos á crise. Esta diminución na proporción de investimento con respecto ao PIB resulta rechamante, mais aínda se se compara coa observada na UE27. A Formación Bruta de Capital Fixo por persoa en idade de traballar viuse afectada significativamente, o cal indica que a crise financeira e a débeda soberana deixaron efectos persistentes no investimento.
Os factores que o explican?
Os factores explicativos do menor investimento en España non son únicos senón diversos. Descártanse razóns como desapalancamento ou restricións ao financiamento derivados da covid-19, por seren transitorias. Mais o que si que parece que afecta é o efecto expulsión que puido xerar o gasto público, a presión fiscal ou a deterioración institucional, mesmo tamén a desconfianza dos posibles investidores.
Para reverter esta tendencia, os autores apuntan a que é crucial que España desenvolva unha estratexia a medio e longo prazo para estimular o investimento, mellorar as oportunidades empresariais e atraer capital necesario para a transición enerxética e dixital. A converxencia en emprego, produtividade e benestar cos países da UE require un enfoque integral que aborde os desafíos estruturais e fomente un ambiente propicio para o investimento privado. A avaliación eficiente do gasto público e a mellora da calidade institucional serán elementos chave para estimular o crecemento económico sustentable.