Desactivada a situación 2 no incendio da Mariña que afectou 1.200 hectáreas
Desactivada a situación 2 no incendio da Mariña que afectou 1.200 hectáreas
A evolución é favorable pero preocupan as reactivacións
Extinguidos os 3 incendios declarados nas últimas horas en Ourense
O da Mariña é o primeiro grande incendio do ano en Galicia. Comezou na tarde do xoves no concello lugués de Trabada, estendeuse ao veciño de Ribadeo, e en vintecatro horas afectou unhas 1.200 hectáreas de monte. As lapas están levando por diante plantacións de eucalipto e pino.
"Afortunadamente non hai que lamentar danos persoais nin nas vivendas. Pero o dano no moente é moi importante. Aquí o monte é produtivo, para a veciñanza é un banco sen taxas de xuro", explica Mayra García, alcaldesa de Trabada.
"Os incendios están durmidos, pero non están solucionados. Pedímoslle á cidadanía que avise cando vexa unha posible reactivación do lume", reclama o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega.
No serán deste venres desactivouse a situación 2 porque xa non hai vivendas en perigo. E a melloría das condicións meteorolóxicas tamén permitiu avanzar non traballos de control do incendio.
"Imos camiño da estabilización. O lume agora está ben perimetrado, pero quedan puntos quentes", explicaba o director xeral de Defensa do Monte.
Pero Manuel Rodríguez tamén advirte que o incendio é complicado. Ten bastante perímetro, a topografía é desfavorable, hai moito combustible e deben andar moi pendente para atallar calquera reactivación e avance das lapas.
A Xunta considera que estamos ante incendios provocados adrede aproveitando as malas condicións meteorolóxicas que había o xoves na zona.
"Está totalmente acreditada a intencionalidade, non só do incendio de Trabada, tamén no de Foz con catro focos provocados pola mesma persoa", aseguraba o conselleiro de Medio Rural, José González.
Eses catro focos de lume entre os concellos de Foz e o Valadouro tamén seguían activos a última hora do venres. Levan queimado polo menos 70 hectáreas de monte.