Desaparecen as copisterías tal e como as coñeciamos
Desaparecen as copisterías tal e como as coñeciamos
Coas novas tecnoloxías, os estudantes deixaron de fotocopiar e as copisterías foron languidecendo
"Levo 28 anos e cambiou moitísimo, empezamos con dúas máquinas, era todo case manual, as máquinas case non volteaban a folla, aquilo era terrible, terrible", recorda Rosa Sanluis, encargada de Copy Campus.
O negocio da copistería viviu nos anos 90 a súa década prodixiosa. En todas as cidades abrían establecementos novos e, con todo, non daban abasto para atender a demanda.
"Porque a xente deixaba as copias, era todo copia, e ao mellor tiñas que entregar os traballos ao día seguinte e había que quedar ata as dúas da mañá, e quedabamos", continúa.
Coas novas tecnoloxías, os estudantes deixaron de fotocopiar e as copisterías foron languidecendo. Moitas víronse abocadas ao peche. Os arquivos dixitais obrigaron a cambiar o modelo de negocio; onde antes se fotocopiaba, agora imprímese.
"Sóbennos todas as diapositivas no campus virtual e entón xa non fotocopiamos libros nin nada, senón que nos soben todo e temos que imprimilo, porque, a verdade, estudalo dende o ordenador é bastante incómodo", comenta unha estudante.
"Fíxate cantas fotocopias fan as rapazas, case ningunha", apunta un señor.
Agora as copisterías ofrecen autoservizo.
"Antes ti deixabas un libro ou o que fose e dicíanche: 'Ven buscalo dentro dunha semana', agora non, agora ti vas, imprímelo ti, pagas e xa está".
"Dannos o ordenador e nós imprimimos o que queiramos, eles aforran persoal e para nós é máis fácil, porque xa metemos os nosos contrasinais e todo dende o campus e non temos que andar descargando arquivos", explica dúas estudantes.
"Agora nada, non é traballar, realmente é moito máis sinxelo hoxe, é todo impresión, apenas hai fotocopia", conta a encargada dunha copistería.
Nas copisterías impera o silencio. Lonxe queda aquel son das fotocopiadoras cuspindo folios a toda velocidade.