Maceda únese para darlle un pulo ao comercio local
Maceda únese para darlle un pulo ao comercio local
A Asociación de Comerciantes de Maceda encarga un vídeo contando os beneficios de mercar na vila fronte a Internet e ás grandes superficies
Os comerciantes de Maceda uníronse para concienciar a veciñanza de que este Nadal hai que mercar nas tendas da vila. Fronte a Internet e ás grandes superficies, o comercio local ofrece proximidade, un servizo personalizado e bos prezos. Eles gañan e o municipio non perde servizos nin vida.
A asociación de comerciantes de Maceda encargou unha campaña para darlles un pulo ás vendas. Nela saen moitos comerciantes, como Antonio, ferraxeiro, que explica os beneficios de mercar nas tendas da vila fronte a Internet. "Non hai unha diferenza de prezos e compras en proximidade. Son dúas fortes características a valorar", afirma.
Tampouco a óptica de Maceda o dubidou cando lle ofreceron participar no vídeo e ser actriz por un día. "Hai que darlle visibilidade ao comercio local, sen el morremos todos", declara a dona da óptica.
Son moitas as razóns para mercar sempre no comercio local que todos xa saben, malia que non sempre cumpren. Por iso a necesidade desta campaña que callou entre a veciñanza e xa está a dar resultados.