Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desconvocada a folga de transporte de viaxeiros para este xoves e venres

Desconvocada a folga de transporte de viaxeiros para este xoves e venres

Mantense o paro indefinido a partir do 8 de maio se a patronal non actualiza os convenios con melloras salariais

Seguirán coas negociacións o día 2 de maio

G24.gal 26/04/2023 18:44 Última actualización 27/04/2023 09:55

A folga convocada por CIG, CCOO e UXT para este xoves e venres no sector do transporte de viaxeiros foi finalmente desconvocada.

As partes chegaron este mércores a un acordo sobre as cuestións que van negociar para a renovación do catro convenios provinciais e pactaron unha recuperación salarial do 6,5 % para 2021 e do 5,7 % para 2022.

O pacto chega despois de oito horas de reunión no Consello Galego de Relacións Laborais.

Sindicatos e empresas volverán atoparse o próximo día 2 para retomar as conversas.  

Queda así finalmente desconvocada a folga de 48 horas á que estaban chamados os traballadores do transporte interurbano, o metropolitano, os servizos escolares e as proximidades, así como o urbano de Santiago e Lugo, onde se rexen polos convenios provinciais.  

Porén, os sindicatos manteñen a súa intención de ir a un paro indefinido a partir do 8 de maio, se a patronal non actualiza os convenios con melloras salariais.  

Declaracións na Radio Galega

O secretario do sector estradas de UXT Galicia, Miguel Campos, apuntaba no Galicia por Diante que "era o necesario para desconvocar estes días dous de folga, ter algo con que dicirlle aos compañeiros que se estaba avanzando na negociación".

A patronal agradece o xesto dos sindicatos desconvocando os dous primeiros días de paro e advirten de que non poderán asumir as subas salariais se o Goberno central non habilita o mecanismo legal para modificar o importe das adxudicacións dos servizos de transporte.  

José Carlos García Cumplido, presidente de Transgacar, apunta que, sen este instrumento, moitas empresas non poderán facer fronte aos compromisos e terán que pechar: "Seguimos necesitando dese mecanismo legal que o Goberno ten que adoptar para permitir a revisión de prezos que permita afrontar esa recuperación das perdas de poder adquisitivo e tamén outras melloras que propoñen os sindicatos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade