Desconvocan o paro indefinido de transportistas en apoio aos agricultores
Desconvocan o paro indefinido de transportistas en apoio aos agricultores
A Plataforma Nacional para a Defensa do Transporte de Mercadorías por Estrada, minoritaria no sector, dá marcha atrás aos dous días de convocalo
Limítase a comunicar que nas vindeiras horas dará as declaracións e explicacións correspondentes
Os transportistas autónomos e pemes agrupados na Plataforma Nacional para a Defensa do Transporte decidiron desconvocar na noite do luns o paro indefinido a que chamara esta fin de semana. Nun comunicado difundido polas redes pasadas as nove da noite a plataforma asegura que "queda desconvocado o paro nacional de transporte". Tan só unhas horas antes Manuel Hernández, presidente da plataforma, asegurara que as súas mobilizacións seguían adiante, a pesar das "noticias falsas" que apuntaban a que se desconvocaran.
A agrupación comezou o sábado un paro indefinido para denunciar as condicións do sector, coincidindo coas protestas en toda España de agricultores e gandeiros. "O paro segue activado en todas as súas vertentes. De feito, hoxe estamos a informar a moitos compañeiros, que van descargar os seus camións e se van a unir a este paro", aseguraba de mañá o líder da plataforma nun vídeo publicado nas redes sociais.
No comunicado difundido esta noite, a plataforma engade que nas próximas horas dará "as declaracións e explicacións correspondentes". Esta é a segunda ocasión en que esta plataforma convoca un paro indefinido. A primeira vez foi en marzo de 2022, cando, a pesar de non contar co apoio das patronais que agrupan as grandes empresas do sector, promoveu unha protesta de vinte días que chegou a poñer en xaque a cadea de distribución do país.
O pasado 5 de febreiro adiantou que decidira sumarse ás protestas dos agricultores coa convocatoria dun paro nacional indefinido a partir dese sábado. Esta convocatoria, para unirse ás protestas de agricultores e gandeiros, estaba aberta a todos os movementos e sectores que o considerasen oportuno, segundo indicou entón a plataforma convocadora, que tamén pediu o apoio e a participación da sociedade civil.