Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desfile de gando tradicional do San Froilán en Lugo

Desfile de gando tradicional do San Froilán en Lugo

Os mellores exemplares das razas autóctonas percorreron as rúas do recinto histórico

G24.gal 04/10/2024 20:37 Última actualización 04/10/2024 20:50

Dos centos de actividades programadas para o San Froilán, unha das primeiras foi o desfile de gando tradicional, que percorreu as rúas do centro de Lugo. Os mellores exemplares das razas autóctonas acudiron a esta cita, que ademais cadrou co Día Mundial dos Animais.

Cabalos, cabras, ovellas, porcos, incluso galiñas e, sobre todo, bois e vacas participaron na que é xa a duodécima edición deste desfile. Son os mellores exemplares, os máis selectos, das razas do país, que luciron os seus andares ante o público asistente nunha tarde solleira.

Antigamente, Lugo acollía unha importante feira de gando. De feito, este desfile serve tamén para recuperar a memoria daqueles tempos.

Marcos Vázquez, director do Museo Vivo Integrada do Campo e da Locomoción Agraria: "É coma un recordo da antiga feira de San Froilán, que se celebraba no mercado da Frigsa e que era un referente no ámbito nacional da maquinaria nova".

Ademais dos mellores exemplares das razas galegas e de maquinaria agrícola clásica, o desfile contou tamén coa presenza de coches históricos.

Rubén Abelaira, presidente do Club Auto Clásico Lugo: "Aproveitamos que hoxe está unha tarde estupenda para poder vir nun coche convertible. Nun non, en dous!"

E da tradición á modernidade. Ao tempo que se celebraba este desfile de razas autóctonas, moi preto tiña lugar unha 'batalla de galos' no Espazo Hip Hop, situado na praza da Mosqueira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade