Detido o expolicía vigués Miguel Devesa, o líder do maior cártel de cocaína en África
Arrestárono en Costa do Marfil con outras 9 persoas
Lideraba unha banda dedicada a recibir en pesqueiros toneladas de cocaína para enviar a Europa
Os axentes incautáronse de máis de dúas toneladas de droga
Cae o gran cártel galego da cocaína en África. As autoridades de Costa do Marfil e a Policía Nacional española detiveron 10 persoas e incautáronse de máis de dúas toneladas de droga. Entre os arrestados está o líder da organización, o expolicía vigués Miguel Devesa.
Segundo os investigadores, a banda recibía droga en barcos desde América do Sur para despois transportala a Europa. Para iso empregaba pesqueiros e tamén planadoras procedentes das Rías Baixas. Devesa tiña alianzas con narcos galegos, como o histórico Sito Miñanco. Polas súas mans pasaban anualmente entre 50 e 60 toneladas de cocaína.
Os detidos
Entre os arrestados está a nai de Devesa, un socio de América do Sur, un capitán de barco de Ribeira e outro galego do que non trascendeu a identidade. Son seis españois -tres mulleres e tres homes-, dous colombianos, un portugués e un marfilés.
Investigación e arresto
De forma conxunta coas autoridades de Costa do Marfil os axentes puideron confirmar que había dous españois a bordo dunha embarcación en risco de naufragar a unhas 300 millas fronte ás costas ghanesas que foron rescatados por Salvamento Marítimo. Os homes rexeitaron nun primeiro momento subir a bordo do buque que acudiu no seu socorro, o que levantou as sospeitas dos axentes.
Durante o período de navegación á deriva os mariñeiros mantiveron comunicacións cun amigo seu, o xefe galego da rede, que residía en Costa do Marfil, que se puxo en contacto coa Embaixada de España en Abidjan. Durante a investigación comprobouse que ambos os mariñeiros eran colaboradores de Devesa.
Por outra banda as autoridades de Costa do Marfil recibiron unha denuncia en relación cun altercado ocorrido nun hotel entre un cidadán colombiano e unhas prostitutas ás que contratara. Ao acudir ao lugar os axentes descubriron 168 quilos de cocaína, polo que o home, que resultou ser o "cociñeiro da droga" da organización, foi detido.
Debido a este arresto o principal imputado iniciou unha fuga acompañado pola súa nai, a súa muller e o seu fillo así como por un mariñeiro da organización.
Os axentes rexistraron a súa empresa onde localizaron case dúas toneladas de cocaína e conseguiron detelo xunto co resto do clan no momento no que trataban de cruzar a fronteira para saír do país.
Devesa: de policía a narcotraficante
Miguel Ángel Devesa foi policía nacional en Madrid entre 1999 e 2003, cando foi expulsado do corpo.
O seu nome fíxose coñecido polo caso do Air Cocaine, un boeing cargado de droga colombiana que se localizou calcinado en novembro de 2009 nunha aldea de Mali. A policía detívoo en relación con ese cargamento.
Dende hai anos vén sendo investigado pola Policía española como presunto responsable dun gran número de operacións de tráfico de estupefacientes. Ten antecedentes por tráfico de drogas, explosivos e armas, así como por falsificación de documentos de identidade.