O primeiro grafiteiro contemporáneo do mundo inaugura en Santiago xira europea
Cornbread, "pan de millo", comezou en 1965 a bombardear Filadelfia coa súa sinatura e acabou convertido en lenda
Prefire non falar de vandalismo, senón de arte, ao referirse ao graffiti, un movemento hoxe convertido en fenómeno planetario
Trátase un pouco de se facer un nome, di. E, cando lle preguntan cantas veces escribiu o seu nome nas paredes, reacciona con milleiros e milleiros de veces nos ollos.
De adolescente quedou co nome de Cornbread, que significa pan de millo, en lembranza do pan de millo que lle facía a súa avoa cando el estaba nun centro de menores. Alí comezou a escribir o seu nome por todas as paredes. Non podían paralo. E, cando saíu do correccional, continuou.
"Fixen que Filadelfia lera sobre min. Escribín o meu nome todos os días, en todas partes. A miña nai morreu, os meus avós morreron, e esa foi a miña terapia. Escribín Cornbread en todas partes", conta.
Empezara alá polo 1965 e acabou considerado o primeiro grafiteiro contemporáneo do mundo. Co tempo, o graffiti saltou de Filadelfia a Nova York, e de alí a Europa e ao mundo. Cornbread evita falar de vandalismo, mira máis ben para a compoñente artística, e fala de facer graffitis en lugares neutros.
Pioneiro do graffiti contemporáneo, un movemento que transformou a expresión artístitca, inaugurou en Santiago unha xira de conferencias por Europa que celebra os 60 anos de historia do graffiti. Aquí compartiu mesa con investigadores desta arte e coa pioneira do graffiti en Galicia.