Mosaicos de cor humanizan o barrio compostelán da Pontepedriña
Mosaicos de cor humanizan o barrio compostelán da Pontepedriña
A asociación de veciños quere humanizar o barrio e visibilizar o traballo dos artistas
Xulio Ferreiro está a decorar un espazo morto con figuras elixidas polos propios veciños, sobre todo, os máis pequenos
Delfíns, bolboretas e imaxes cargadas de cor poñen unha nota de ilusión neste barrio de Santiago, un dos de sempre, con xente xa maior e moi castigado. A idea partiu da asociación de veciños Sandra Prego.
"Era un espazo moi abandonado e buscamos unha idea para darlle alegría ao barrio", destaca un dos seus membros, e o presidente, José Suárez, engade:
"Dinamizar un pouco o barrio. Facer algo con estas paredes que están feas e visibilizar o traballo dos artistas".
Con esa premisa, pensaron nun dos seus. Xulio Ferreiro naceu na Pontepedriña e, aínda que leva anos fóra, segue ligado ao barrio. A súa é unha historia ben bonita: empezou a facer mosaicos xa xubilado, sen telo en mente, como el mesmo relata.
"Eu estaba no Barco de Valdeorras e vin a un profe cos nenos que estaban facendo unha balea. Quedei mirando e pensei: isto non pode ser tan complicado. Podía facelo eu".
E así empezou. Sen coñecementos pero con ilusión e co agradecemento da veciñanza, aos que convida a participar no mosaico.
"Os nenos do barrio van pedindo unha bolboreta ou fai unha praia, un delfín, unha bicicleta..., e segundo o que me van dicindo, vou facendo. É a mellor maneira de que guste porque elixen eles".
Unha veciña confesa:
"Quedo como unha parva mirando e sempre falo con el e dígolle: que mans tes! Ten unhas mans moi boas".
Detrás de cada figura hai moitas horas de traballo pero a satisfacción de estar facendo barrio.