Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen dez persoas en Barcelona dunha rede xihadista que promovía atentados

Deteñen dez persoas en Barcelona dunha rede xihadista que promovía atentados

A operación realizouse conxuntamente pola Policía Nacional, os Mossos d'Esquadra e a policía de Italia, onde tamén se realizou unha detención

Algúns detidos xa comezaran a identificar persoas en Europa como posibles obxectivos

G24.gal 07/03/2025 13:03 Última actualización 07/03/2025 13:57

Axentes das policías española e italiana e de Mossos d'Esquadra desarticularon unha organización de terrorismo xihadista que promovían a comisión de accións violentas a través de canles cifradas nunha operación conxunta que se saldou con dez detidos en Barcelona e un en Italia, en Piacenza.

Esta é a terceira fase dunha operación pola cal se detiveron en España a 30 persoas máis nos últimos tres anos pertencentes a unha organización radical paquistaní.

A operación foi dirixida polo xuíz da Audiencia Nacional Antonio Piña que decretou prisión provisional para catro dos arrestados mentres que o resto quedou en liberdade aínda que tres deles coa obrigación de presentarse semanalmente ante a autoridade xudicial, retiroulles o pasaporte e prohibiulles a saída do territorio nacional, informaron fontes xurídicas.

A operación permitiu detectar a presenza en España e Italia dun grupo perfectamente xerarquizado e estruturado que impartía a través de canles cifradas consignas que promovían o asasinato e a decapitación das persoas que fosen en contra da súa doutrina.

Ademais, nas súas publicacións enaltecían a terroristas que cometeran atentados contra persoas por suposta blasfemia en Europa e Paquistán.

Os investigadores constataron que algúns detidos xa comezaran a identificar persoas en Europa como posibles obxectivos.

Durante a investigación detectouse a existencia de grupos de mensaxería instantánea nos que se expandía a doutrina desta organización.

Un deles estaba dinamizado por unha das detidas e composto na súa totalidade por mulleres, no que se promovía non só o adoutrinamento senón que perseguía tamén a identificación de posibles obxectivos para futuras accións.

Os axentes acreditaron que os detidos pertencen a unha presunta organización terrorista cuxo financiamento incluía achegas periódicas dos seus propios integrantes.

No dispositivo interviñeron membros da Comisaría Xeral e da Brigada Provincial de Información de Barcelona da Policía Nacional, de Mossos d'Esquadra e da Polizia dei Stato de Italia baixo a dirección do Xulgado Central de Instrución número 6 e a coordinación da Fiscalía da Audiencia Nacional española.

A causa, declarada secreta, séguese por supostos delitos de terrorismo, financiamento do terrorismo, capacitación e autocapacitación

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade