Detidas case un milleiro de persoas en Francia na cuarta noite de disturbios
Detidas case un milleiro de persoas en Francia na cuarta noite de disturbios
Segundo os últimos datos do Ministerio do Interior, nos altercados quedaron feridos 79 axentes da Policía
En Francia, cando menos 994 persoas foron detidas e 79 axentes da Policía resultaron feridos na cuarta noite de disturbios pola morte do mozo Nahel.
Con datos das sete e media da mañá, o Ministerio do Interior francés actualizou as cifras e indicou que son provisionais. Ademais, rexistráronse 1350 vehículos incendiados e danos nuns 234 edificios.
O ministro do Interior, Gérald Darmanin, lamenta a violencia vivida estas noites en Marsella e Lyon e asegura que o seu ministerio está listo para aumentar aínda máis a súa posición de forza.
Nun intento de frear esta espiral de disturbios, o Goberno francés mobilizou 45.000 policías e xendarmes e mesmo unidades de elite.
Hoxe está previsto que se celebre en Nanterre o funeral por Nahel, de dezasete anos e ascendencia árabe, morto a tiros pola Policía francesa cando tentaba fuxir dun control de estrada.