Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido na Mariña por pedirlles a menores fotos de contido sexual en redes sociais

Detido na Mariña por pedirlles a menores fotos de contido sexual en redes sociais

Cinco das súas vítimas tiñan menos de 12 anos

O sospeitoso foi imputado tamén como investigado por unha agresión sexual cometida hai dous anos

G24.gal 30/01/2024 12:32

A Garda Civil, no marco da operación Soucas, detivo un veciño da Mariña lucense, un home de 34 anos de idade, como suposto autor dos delitos de agresión sexual, coaccións (acoso con fins sexuais) e grooming (contacto con menores de 16 anos con fins supostamente sexuais).

Segundo a información difundida pola Comandancia da Garda Civil de Lugo sobre esta investigación, os feitos polos que foi detido sucederon o pasado ano, cando o sospeitoso enviou mensaxes, a través dunha coñecida rede social, a mulleres e nenas menores de idade, en que lles solicitaba encontros de índole sexual e fotografías íntimas. Para iso, precisa a Garda Civil, o detido usaba “unha linguaxe claramente sexual”.

Este comportamento por parte do sospeitoso xerou unha importante “alarma social” entre os habitantes da Mariña, así como moito “temor” entre as vítimas e os seus familiares, por medo a ser obxectivo dun “posible depredador sexual”.

De feito, cinco das súas vítimas tiñan “menos de 12 anos” e, no marco desta investigación, o sospeitoso foi imputado tamén como investigado por unha agresión sexual cometida hai dous anos.

A persoa detida foi posta á disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Viveiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade