Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido o exministro de Petróleo de Venezuela Pedro Tellechea por delitos contra a nación

Detido o exministro de Petróleo de Venezuela Pedro Tellechea por delitos contra a nación

Entre os motivos da detención está a entrega aos servizos de intelixencia dos EUA dun sistema da empresa estatal dedicada á explotación do petróleo

Tellechea renunciara a semana pasada ao seu cargo como ministro de Industria por "motivos de saúde"

Tamén foron detidos os seus "máis inmediatos colaboradores"

Exministro de Petróleo e de Industrias e Promoción Nacional, Pedro Tellechea (Asamblea Nacional) Exministro de Petróleo e de Industrias e Promoción Nacional, Pedro Tellechea (Asamblea Nacional)
G24.gal 21/10/2024 17:51

Pedro Tellechea, exministro de Petróleo en Venezuela e presidente de PDVSA, empresa estatal dedicada á explotación deste recurso, e foi detido este domingo xunto aos seus "máis inmediatos colaboradores" pola "comisión de graves delitos que atentan contra os máis altos intereses da nación", informou este luns a Fiscalía.

A través dun comunicado en Instagram, a Fiscalía destacou, entre "as diferentes causas que se seguen contra el", a "entrega do Sistema de Control e Mando Automatizado, coñecido como o cerebro de PDVSA, a unha empresa controlada polos servizos de intelixencia dos EUA, vulnerando así todos os mecanismos legais" da soberanía de Venezuela.

 

 

 

Polo momento, a Fiscalía non comunicou quen son as outras persoas que foron detidas xunto ao exministro dentro das accións que, segundo asegura a institución fiscal, "realizáronse en estrito apego á lei, coa plena cooperación constitucional do xefe de Estado, na permanente batalla pola defensa da integridade institucional do país".

Maduro nomeara a Tellechea presidente de PDVSA en xaneiro de 2023 e, dous meses e medio despois, designouno tamén como ministro de Petróleo, en substitución de Tareck El Aissami. Este último renunciara no medio dunha investigación a unha trama de corrupción na petroleira estatal, que deixou máis de medio centenar de detidos.

En agosto deste ano foi substituído na carteira de Petróleo pola vicepresidenta executiva, Delcy Rodríguez, e designado ministro de Industrias e Promoción Nacional, un cargo ao que renunciou a semana pasada, segundo o propio Tellechea, por motivos de saúde.

Tras a renuncia do funcionario, quen agradeceu a Maduro a "confianza" que depositara nel para desempeñar os distintos cargos, o mandatario nomeou o empresario colombiano Alex Saab - sinalado como home de palla do mandatario- ministro de Industrias, cargo que Tellechea deixou vacante.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade