Detido o suposto autor do acoitelamento dun mozo na zona do Orzán
Detido o suposto autor do acoitelamento dun mozo na zona do Orzán
A vítima continúa na UCI tras pasar polo quirófano
A Policía Nacional patrullaba a primeira hora na zona de movida nocturna do Orzán, no concello da Coruña. A agresión produciuse neste barrio de madrugada, cando os pubs xa pecharan pero aínda quedaba xente na rúa.
Ao parecer, un encontrón verbal entre dous grupos desencadeou o ataque. A vítima chegou ao hospital en estado crítico e, despois de pasar por quirófano, quedou ingresada na unidade de coidados intensivos.
Para a veciñanza non é unha sorpresa. Levan anos queixándose do ruído, que lles impide durmir polas noites. Nos últimos tempos, xa antes do confinamento e desde a reapertura do ocio nocturno, tamén alertan das continuas pelexas ás portas dos locais.
A Policía tardou menos de vinte e catro horas en deter o agresor, un home cun amplo historial delituoso que xa estivera anteriormente en prisión. O Xulgado Número Catro da Coruña instrúe o caso baixo segredo de sumario.