Publicador de contidos
Publicador de contidos

A nai do suposto autor do crime machista de Baiona avisou a Garda Civil do paradoiro do seu fillo

A nai do suposto autor do crime machista de Baiona avisou a Garda Civil do paradoiro do seu fillo

A nai do home foi quen chamou a Garda Civil para indicar o paradoiro de seu fillo, agochado nun pendello na localidade baionesa de Belesar

O home, que se atopaba nunhas condicións físicas "difíciles", dixo que pasara cinco días metido nun alboio

Garda Civil
G24.gal 14/11/2024 08:25 Última actualización 14/11/2024 14:32

A Garda Civil detivo este xoves á mañá o presunto asasino da moza de 36 anos Estela B. S., que foi localizada morta na vivenda da súa exparella na zona das Insuas, na parroquia baionesa de Belesar, o pasado venres día 8 de novembro de madrugada.

Segundo informou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, a nai do home chamou ao cuartel da Garda Civil de Baiona para indicar o paradoiro do seu fillo, quen lles dixo aos axentes que "non aguantaba a presión" da procura e que levaba cinco días "sen comer" escondido nun pendello próximo á súa casa.

Fontes próximas á investigación indicaron que a nai manifestou que poñía os axentes sobre aviso a petición do seu fillo

O sospeitoso foi detido sobre as 07:00 deste xoves, despois de seis días de busca, na parroquia de Belesar, a mesma onde residía e onde sucederon os feitos. A patrulla relatou que o home estaba nunhas condicións físicas "difíciles"

Así, foi trasladado ao cuartel de Vigo, onde será interrogado e, tras isto, pasará á disposición do Xulgado número 4, especializado en violencia machista, nas próximas horas.

O sistema VioGén

Tras agradecer o labor da Garda Civil e trasladar as súas condolencias á familia e, en xeral, ao pobo de Baiona, Losada defendeu o sistema VioGén porque, segundo el, "funciona adecuadamente".

Así, explicou que, a pesar de todo, "non se detecta ningún problema importante" no funcionamento do mesmo, xa que despois da orde de afastamento posta en abril de Estela á súa exparella desenvolvéronse os controis con "absoluta normalidade" e coa periodicidade establecida.

Desde o venres, segundo engadiu o subdelegado do Goberno, as forzas de seguridade levaron a cabo na provincia máis de 10 accións dentro do sistema VioGén, consistentes en ameazas ou incumprimentos de ordes de afastamento, entre outras.

Tras recoñecer que despois de cada asasinato machista se realizan "revisións" dos procedementos, dixo que o "risco cero" non existe e que as mulleres ameazadas están "moito máis tranquilas e seguras" grazas ao sistema.

Así, pediu que non se cuestione porque este cuestionamento, ao seu xuízo, "asusta máis a mulleres que xa están asustadas" e pediu "prudencia" a aqueles que poñen en xuízo o sistema VioGén.

Os feitos

O detido tivera unha relación sentimental coa muller e tiña denuncias previas por violencia de xénero. De feito, o Xulgado de Violencia contra a Muller de Vigo ditou o pasado mes de abril unha orde de afastamento da vítima, que estaba rexistrada no sistema de seguimento VioGén, cualificada como de "risco medio".

O pasado venres de madrugada, o propio home, Humberto G. R., chamou ao 112 para informar de que atopara a muller á porta do seu domicilio e que a metía na vivenda tapada cunha manta.

Con todo, cando chegaron os sanitarios (que só puideron confirmar o falecemento), o home fuxiu do lugar alegando que non tiña nada que ver coa morte da moza e que el non ía comer "ese marrón".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade