Detido un conselleiro do Goberno de Melilla na presunta trama de compra de votos
Detido un conselleiro do Goberno de Melilla na presunta trama de compra de votos
É o número tres de Coalición por Melilla
A Policía arrestou outras oito persoas, que quedaron en liberdade tras declarar
Tormenta política en Melilla a cinco días das eleccións. A Policía detivo nove persoas pola súa presunta implicación na compra de votos por correo.
Tras semanas de investigación, os axentes rexistraron nas últimas horas dez domicilios e locais onde se incautaron de diñeiro e papeletas electorais.
Entre eles, a sede de Coalición por Melilla, cuxo líder xa fora condenado a dous anos de cadea por mercar votos nas eleccións de 2008.
Un dos nove detidos é o seu xenro. Outro, o actual número tres do partido Mohamed Al-Lal, que é conselleiro no Goberno de Melilla.
Tras declararen, quedaron en liberdade, pero baixo vixilancia policial. A investigación continúa aberta, non se descartan máis detencións.
Isabel Rodríguez, portavoz do Goberno, di: "Produciuse unha anomalía e actuouse policial e xudicialmente. A operación está baixo segredo de sumario, pero o que se constata é que en España ninguén pode saltar as normas, e moito menos nun proceso electoral".
As primeiras informacións apuntan a que os detidos serían os encargados de captar familias desfavorecidas da cidade e comprarlles o seu voto a cambio duns cen euros. Calculan que puideron mercar uns 10.000 sufraxios, co que garantirían un terzo dos representantes da Asemblea de Melilla.
A policía investiga se a trama intentou subornar funcionarios de Correos para que fixesen a vista gorda na emisión fraudulenta desas papeletas. E ten indicios de que a rede intentou actuar tamén en Barcelona.