Detido un home en Arona tras incendiar a vivenda onde se atopaban a súa muller e fillo

A muller está en coma inducido mentres que o menor só tivo lesións leves

A Policía Xudicial investiga o caso como violencia machista

Vivenda onde se atopaban a muller e o fillo do detido (EFE) Vivenda onde se atopaban a muller e o fillo do detido (EFE)
G24.gal 30/11/2023 17:36

O home detido en Arona (Tenerife) por incendiar unha vivenda onde se atopaban a súa parella de 34 anos, que está en coma inducido, e o seu fillo de 4 anos, que resultou con lesións leves, foi enviado a prisión.

O Xulgado de Violencia sobre a Muller de Arona acordou o ingreso en prisión preventiva, comunicada e sen fianza deste varón, de 31 anos, acusado de tentativa de homicidio, incendio, ameazas e coaccións, segundo detallan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias.

Os feitos tiveron lugar este mércores cando o home incendiou o seu domicilio, onde se atopaban a súa muller e o fillo.

Como consecuencia do lume, a muller atópase ingresada en coma indicido con queimaduras graves, mentres que o menor foi atendido polos servizos de emerxencias e está en bo estado.

O conselleiro de Seguridade do Concello de Adeje, Alexis Gómez, detallou que os feitos tiveron lugar ás 8:30 horas do mércores, cando entrou unha chamada do 112 alertando dun incendio nunha vivenda no Val de San Lourenzo.

A Policía Local trasladouse á zona, igual que os bombeiros e os servizos sanitarios de urxencia, e "tras unhas primeiras manifestacións", procedeuse á detención do varón.

Mentres, a muller foi asistida polos sanitarios e evacuada a un centro hospitalario, e os servizos sociais municipais fixéronse cargo do menor antes de entregalo á súa familia.

A Policía Xudicial da Garda Civil investiga o caso como violencia machista. Non existían previas denuncias nin ordes de afastamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade