Arrestan un taxista por atropelar adrede un mozo en Poio tras unha discusión
Arrestan un taxista por atropelar adrede un mozo en Poio tras unha discusión
Está a ser investigado por un delito de homicidio en grao de tentativa con resultado de lesións graves
A Policía Local de Poio detivo un taxista que este sábado atropelou co seu coche de xeito intencionado un mozo de 20 anos tras manter con el unha discusión de tráfico.
Tras botarse enriba, levouno entre catro e cinco metros sobre o capó do vehículo, impactou con outro coche aparcado e abandonouno sobre a calzada, deixándoo gravemente ferido. Estes feitos sucederon, segundo informou a Policía Local, sobre as dúas da tarde na rúa Valiña.
Os axentes acudiran ao lugar pensando que se producira un accidente pero varias testemuñas explicaron que vítima e agresor mantiveran unha discusión porque o mozo tiña o vehículo mal aparcado na entrada do garaxe ao que quería acceder.
O condutor fuxiu e chegou ata unha rúa sen saída da zona da Caeira, onde deixou estacionado o seu coche. Media hora máis tarde, regresou andando ao lugar dos feitos e confesou o ocorrido. Foi detido por un delito de homicidio en grao de tentativa con resultado de lesións graves.