Detido un traballador do servizo de emerxencias polo uso dun dispositivo lanzachamas

Atribúenselle delitos de desorde pública e atentado contra axentes da autoridade

Os bombeiros comarcais aseguran que foi o "desafortunado emprego dun insecticida"

O traballador do servizo de emerxencias pasará este xoves a disposición xudicial 

G24.gal 26/10/2023 11:06

Un traballador do servizo de emerxencias foi detido este mércores tras o uso dun dispositivo a modo de lanzachamas nas protestas dos bombeiros comarcais. Estas tiveron lugar o pasado luns, diante do edificio da Deputación de Ourense.

Tras ser identificado, agárdase que o traballador pase a disposición xudicial este xoves, ao que se lle atribúen delitos de desorde pública e atentado contra axentes da autoridade.

Trátase dun traballador do servizo de emerxencias que participou na protesta convocada o pasado luns ante a Deputación de Ourense polos bombeiros dos parques comarcais. Estes últimos permanecen en folga dende o 15 de xuño, reclamando melloras nas súas condicións laborais.

O sindicato policial SUP sinalou que se chegou a empregar un "dispositivo a modo de lanzachamas" contra os axentes "coa intención de acceder pola forza ao edificio" provincial. Un comunicado emitido polo comité dos bombeiros comarcais aclara que o lanzachamas foi un "desafortunado emprego dun insecticida" que "despois de inflamarse durante o seu proxectado puido interpretarse como unha ferramenta de ameaza".

Os bombeiros destacan que "o lume non chega aos axentes policiais, senón que pasa pola cabeza de moitos compañeiros antes de diluírse".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade