Dez mortos e 14 feridos nun tiroteo nun evento de carreiras en México
Dez mortos e 14 feridos nun tiroteo nun evento de carreiras en México
Un grupo de homes armados descendeu dunha camioneta e disparou contra os participantes nunha carreira de todo terreo con vehículos tipo razer en Baixa California
Os pilotos do rally Cachanillazo estaban parados na estrada Transpeninsular
Un ataque armado contra os participantes dun rally en Baixa California, en México, deixou polo menos dez falecidos e catorce feridos.
As vítimas participaban nun evento denominado Cachanillazo. A Dirección de Seguridade Pública Municipal indicou que ás 14.18 horas, hora local, o servizo de emerxencias 911 recibiu unha chamada na que se avisaba de detonacións de arma de fogo e varias persoas lesionadas, segundo informou o xornal mexicano Zeta.
Todo sucedeu no quilómetro 90 da estrada Transpeninsular e os primeiros informes indican que unha camioneta gris, dun modelo moderno pero aínda sen especificar, chegou ao lugar e dela descenderon un grupo de persoas aínda indeterminado que comezaron a disparar contra os corredores que nese momento tiñan os seus coches aparcados.
Ata a zona dirixiruse persoal da policía municipal, Forza Estatal de Seguridade Cidadá, Secretaría de Mariña, Axencia Estatal de Investigación, Secretaría da Defensa Nacional, Dirección de Bombeiros e Cruz Vermella Mexicana. A Cruz Vermella encargouse do traslado dos feridos á zona urbana do municipio e dous foron atendidos en San Vicente.
A Fiscalía Xeral do Estado Baixa California en colaboración coas autoridades locais está a investigar para determinar as causas do tráxico suceso.