Díaz nega unha "fenda" no Goberno de coalición á conta da reforma fiscal
Díaz nega unha "fenda" no Goberno de coalición á conta da reforma fiscal
A vicepresidenta rebaixa o ton tras o choque entre a ministra de Facenda e a de Dereitos Sociais
Unidas Podemos presentou en público e tamén levou ao Congreso a súa proposta de reforma fiscal, antes incluso de que o grupo de expertos comisionados polo Goberno entregue o seu informe a finais deste mes.
A iniciativa dos morados provocou un choque entre a ministra responsable, a de Facenda, María Jesús Montero, e a de Dereitos Sociais, a tamén líder de Podemos, Ione Belarra.
Un día despois do desencontro, a vicepresidenta Yolanda Díaz rebaixa o ton do debate asegurando que "non hai ningunha fenda, o Goberno de coalición goza de moi boa saúde".
A tamén ministra de Traballo explica que Unidas Podemos propón "que os que estamos pagando impostos, os traballadores, deixemos de pagar un pouquiño, e os que máis teñen, arrimen un pouco máis o ombreiro".
Os morados piden protagonismo na futura reforma fiscal, como tamén o tivo o PSOE na reforma laboral. "Temos un goberno de coalición e as cousas importantes páctanse", dixo o voceiro de Unidas Podemos no Congreso, Pablo Echenique, nunha entrevista en TVE.
Dende o PP xa arrancaron as críticas. Para o presidente do partido, Pablo Casado, "pretenden subir 30.000 millóns de euros os impostos, iso é unha ruína para todos os españois", e pide maiores rebaixas fiscais.