Alerta nos países bálticos polas sabotaxes contra os cables eléctricos e de comunicacións
Alerta nos países bálticos polas sabotaxes contra os cables eléctricos e de comunicacións
Finlandia detén un petroleiro que podería pertencer á "frota rusa na sombra", e que supostamente danou o cable coa súa áncora intencionadamente
A Garda Fronteiriza de Finlandia detivo este xoves un petroleiro que se atopaba na zona cando este mércores se interrompeu unha ligazón eléctrica entre Finlandia e Estonia.
Crese que o barco pertence ao que se denominou a "frota rusa na sombra" e viaxaba desde a cidade rusa de San Petersburgo a Exipto.
O barco en cuestión, o Eagle S, con bandeira das Illas Cook, diminuíu notablemente a súa velocidade ao pasar sobre o cable aproximadamente no momento en que se interrompeu a transmisión.
O buque da Garda Fronteiriza finlandesa escoltou o petroleiro ata augas situadas a uns 20 quilómetros de Porkkalaniemi, unha península no golfo de Finlandia, o mércores pola tarde.
Segundo a Garda Fronteiriza finlandesa as áncoras do buque Eagle S non estaban no seu sitio, o que espertou sospeitas entre as autoridades. Os funcionarios afirmaron que, baseándose na investigación preliminar, hai motivos para crer que a áncora do buque causou o dano.
Nunha conferencia de prensa celebrada o xoves pola tarde, o primeiro ministro Petteri Orpo dixo que Finlandia responderá con decisión a calquera sospeita de interferencia contra a súa infraestrutura submarina.
As autoridades tamén informaron de interrupcións nun total de catro cables de telecomunicacións que conectan Finlandia co Mar Báltico.
A conexión eléctrica Estlink 2 entre Finlandia e Estonia interrompeuse pouco despois do mediodía do día de Nadal.
Segundo Arto Pahkin , director do Centro de Control da Rede Principal de Fingrid, a zona danada atópase no lado finlandés do cable submarino entre os dous países, polo que Fingrid é responsable da reparación. Pahkin estimou que as reparacións poderían tardar ata sete meses.
O primeiro ministro estoniano, Kristen Michal, dixo nunha rolda de prensa en Tallin que consultará co secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, sobre o aumento da presenza da OTAN no mar Báltico, despois de que o ministro do Interior, Lauri Läänemets, cualificase os danos nos cables submarinos de "ataque, porque é un ataque contra as nosas infraestruturas críticas".