Publicador de contidos
Publicador de contidos

Acerbaixán acusa a Rusia do accidente de avión en que morreron 38 persoas

Acerbaixán acusa a Rusia do accidente de avión en que morreron 38 persoas

A aeroliña do avión sinistrado cancela os voos a sete cidades de Rusia

Un equipo de especialistas analizan as caixas negras que apareceron este xoves

G24.gal 26/12/2024 19:20

Fontes do goberno de Acerbaixán aseguran acusan a Rusia de derribar o avión de pasaxeiros que onte se esnafrou en Kazakistán.

Segundo esa hipótese, o aparello foi alcanzado por defensas antiaéreas rusas que intentaban repeler un ataque ucraíno. Polo momento, o Kremlin di que é cedo para tirar conclusións. No sinistro morreron 38 persoas.

Segundo a versión ucraína, o avión de Acerbaixán Airlines, foi alcanzado por defensas antiaéreas rusas cando se preparaba para aterrar en Grozni, a capital chechena.

O aeroporto desa república rusa estaba nese momento sendo atacado por drons ucraínos. O avión deu volta e tentou tomar terra en Kazakistán, onde se acabou esnafrando.

Nun primeiro momento, o Kremlin insinuou que o sinistro se puido deber ao impacto dunha bandada de paxaros ou ao estoupido dunha bombona de osíxeno.

Pero as imaxes gravadas por algúns superviventes amosan sinais de impactos na fuselaxe. Fontes do propio goberno de Acerbaixán sosteñen tamén a teoría do mísil ruso.

O Kremlin di que é cedo para tirar conclusións. 

Un equipo de especialistas brasileiros desprazouse a Kazakistán para participar na investigación: este xoves apareceron as caixas negras, peza clave para saber que aconteceu.

No avión viaxaban 67 persoas: 38 delas morreron.

No aeroporto de Bakú, a capital azerí, gardaron un minuto de silencio polas vítimas.

A compañía cancelou este venres os voos a sete cidades do sur de Rusia entre versións de que o accidente puido ser provocado polo impacto dun mísil antiaéreo ruso durante un ataque de drons ucraínos á cidade rusa de Grozni.

Segundo indica un comunicado da aerolínea, AZAL deixará de voar ás cidades de Mineralnie Vodi, Sochi, Volgogrado, Ufá, Samara, Grozni e Majachkalá, todas no sur de Rusia.

Con todo, a compañía acerbaixana continuará voando a Moscova, San Petersburgo, Kazán, Astracán, Yekaterimburgo e Novosibírsk.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade